Luis López sinala a atención ao reto demográfico e á sostibilidade do +Provincia como mostras do compromiso da Deputación coa Axenda Urbana Europea

O presidente provincial inaugurou este xoves a primeira mesa de traballo sobre a Axenda Rural e Urbana da Provincia de Pontevedra, na que participaron alcaldesas e alcaldes, persoal técnico e representantes do tecido asociativo das comarcas de Pontevedra e do Morrazo

29/02/2024

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este xoves a estratexia do executivo provincial para a transformación da provincia seguindo criterios de sostibilidade no eido económico, social e ambiental na apertura das mesas territoriais de traballo das comarcas de Pontevedra e do Morrazo para dar a coñecer a Axenda Rural e Urbana da Provincia de Pontevedra. O mandatario provincial dirixiuse ás alcaldesas, alcaldes, persoal técnico e integrantes do tecido asociativo destas dúas comarcas que se deron cita esta mañá no salón de plenos do Pazo provincial para deseñar o futuro de ambas. “Iniciamos hoxe unha rolda de mesas de traballo para presentar a nosa axenda rural e urbana; unha axenda para construír unha provincia sensible co cambio climático, que coida da súa veciñanza e que ofrece servizos de calidade en todo o seu territorio”, explicou Luis López cal é a meta deste proxecto.

Ao longo de toda a mañá, as persoas asistentes traballaron sobre un plan que recolle os desafíos e as oportunidades de futuro que debe afrontar a provincia. De xeito, participaron en tres dinámicas de traballo dirixidas a pensar e poñer en común iniciativas relacionadas co desenvolvemento sostible nestas dúas comarcas. Unha xornada de traballo que ao longo das vindeiras semanas se levará a cabo no resto das comarcas que forman a provincia de Pontevedra.

Os criterios desta axenda rural e urbana rexen a acción de Goberno da Deputación. Neste sentido, o presidente deu conta das iniciativas postas en marcha polo seu Goberno neste contexto, que pasan pola activación do emprego nos concellos da provincia, no apoio ás entidades locais para redactar e executar proxectos transformadores, e mellorar os servizos ou o traballo conxunto con outras administracións para mellorar os espazos públicos. “O emprego é fundamental para fixar poboación nos nosos concellos e activar a economía local; levamos mobilizados neste ano uns 5,4 millóns de euros ao abeiro do Plan + Provincia para contratar 443 persoas en 34 concellos da provincia. En materia de investimentos, estamos xa a asignar os fondos para executar proxectos transformadores correspondentes á liña 1 do +Provincia, dotada con 34 millóns de euros; e tamén do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, dotado con 4 millóns de euros. E, en materia de sostibilidade, esta mesma semana tivemos unha reunión da FEMP para falar de cidades saudables e dos pasos que temos que seguir para mellorar a calidade de vida nas nosas contornas urbanas e rurais”, ilustrou o mandatario provincial na apertura destas mesas.

Luis López

Ademais, Luis López fixo tamén fincapé en dúas áreas fundamentais desta axenda rural e urbana ás que a Deputación lles presta especial atención. Son o reto demográfico e o impulso a proxectos transformadores. “É preciso valorar o reto demográfico para un repartimento de fondos máis xusto que permita dar con solucións que palíen esa perda de poboación que lle afecta ao noso rural. E tamén era preciso a creación desa cuarta liña do +Provincia dotada con 1,2 millóns de euros, que permita deseñar proxectos que sigan eses criterios que marca esta axenda urbana”, remarcou o presidente provincial.

Por último, apelou á necesidade de “tender pontes” e cooperar entre as distintas administracións, ao mesmo tempo que agradeceu a presenza de todas as persoas asistentes nesta primeira mesa de traballo e animounas a seguir traballando para construír “unha provincia que vai a máis”.