Mulleres do centro penitenciario da Lama rachan co machismo nunha nova acción de “Violencia Zero”

“O libro como obxecto” foi o título da performance da Deputación que realizaron 15 internas con mensaxes a prol da liberdade das mulleres

08/04/2022

No marco do programa da Deputación “Violencia Zero” un grupo de 15 internas do módulo de mulleres do Centro Penitenciario da Lama protagonizaron hoxe a performance final da acción   titulada “O libro como obxecto”, para a que traballaron durante toda a semana coas arteterapeutas Marta Díez e Isa Merino, e coa escultora Pilar V. de Foronda. Os textos de autoras como Silvia Plath ou Anne Sexton serviron para reflexionar sobre temas como a maternidade ou os coidados en dous obradoiros que culminaron coa posta en escena esta mañá á que asistiron as deputadas, Victoria Alonso e Noemía Outeda, así como o tenente alcalde da Lama, David Carrera.

Nos obradoiros analizaron o contido de libros –algúns doados pola Deputación- e outros textos que lles serviron para reflexionar sobre o que se ten dito e escrito das mulleres pero sen as mulleres. Así, os encontros xiraron sobre temas como a maternidade (e a non maternidade) e os modos de vivila, as tarefas do fogar ou os coidados, entendidos no seu máis amplo sentido e habitualmente asignados ás mulleres. Nos talleres tamén se deu valor a aqueles textos nos que as mulleres se sentiron identificadas. Ademais de reflexionar, nestes obradoiros as internas fixeron unha intervención nos libros. Enchéronos de cola branca para endurecelos e darlle forma, aplicáronlles pintura e realizaron collages con imaxes doutros libros e revistas. Con todo isto deconstruíron as historias nas que fomos educadas e educados cargadas de amor romántico, tóxico, de violencia machista e de estereotipos que historicamente lle foron atribuídos ás mulleres e cos que as internas do Centro Penitenciario da Lama quixeron rachar. Así, a maioría das mensaxes facían un chamamento á liberdade que teñen todas as mulleres de decidir sobre a súa propia vida.

As reflexións dos talleres materializáronse hoxe nunha performance na que as mulleres se ataviaron coa mesma indumentaria, en cores negro e vermello, e se moveron de forma libre polo auditorio do centro penitenciario. De fondo soaban cantos gregorianos que diminuían de volume para dar voz ás internas. Con mensaxes como “Verónika decide morrer e eu vivir” amosaron a súa repulsa a todos os tipos de violencia machista á vez que as súas compañeiras permanecían inmóbiles centrando así o foco da acción nas mensaxes. Na performance tamén se empregaron os libros intervidos nos obradoiros, que se foron depositando en diferentes partes da escena. Esta acción tan especial do programa “Violencia Zero” rematou cun grande abrazo entre as mulleres, un xesto cheo de sororidade e forza.

Tras as actuacións en Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei e Agolada esta foi a oitava acción da VII edición de “Violencia Zero” coa que a Deputación continuará a expandir a loita feminista noutros dezanove concellos da provincia baixo o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. Así, o programa continuará visibilizando o talento das mulleres neste 2022 con propostas musicais, de teatro, danza, poesía, performance e outras iniciativas artístico-culturais en Oia, Caldas, Moaña, A Guarda, Fornelos, As Neves, Redondela, Salceda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.