A Deputación enche de “luz e cor” as paredes do Centro Agarimo de Príncipe Felipe cun mural de Pilar Alonso para reivindicar a igualdade

A artista traballou nos últimos meses coas cativas e cativos do centro para crear unha obra que cobre os corredores da escola e que se enmarca dentro da programación “Seguimos con todas e para todas”, deseñada pola institución provincial con motivo do 8 de marzo

05/03/2024

Inauguración do mural de Pilar Alonso

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, acaba de inaugurar o novo mural da artista viguesa Pilar Alonso no Centro Agarimo de Príncipe Felipe. Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro da programación "Seguimos con todas e para todas", que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, para "reafirmar que o noso compromiso coa igualdade é irrenunciable".

No deseño do mural, que xa enche de "luz e cor" un dos corredores interiores do Centro Agarimo, participou o propio alumnado, co fin de traballar a coeducación e a igualdade entre mulleres e homes. "Somos moi conscientes de que a educación é un dos piares fundamentais para acadar unha sociedade equitativa —asegurou a responsable provincial de Igualdade—, polo que imos seguir promovendo accións coma esta, que fomentan a igualdade e a transversalidade da perspectiva de xénero no ámbito educativo".

Para realizar o mural e co fin de representar a realidade do Centro Agarimo, as alumnas e alumnos, en primeiro lugar, crearon os seus propios avatares e, entre todos, votaron os mellores para plasmalos nel. Por iso, Sandra Bastos agradeceulle á artista Pilar Alonso o seu compromiso, cariño e paciencia infinita para crear "unha auténtica obra de arte", na que os avatares pensados e deseñados polo alumnado ocupan o espazo central.

A viguesa Pilar Alonso é unha artista multidisciplinar, se ben destaca no debuxo, na pintura, na escultura e na instalación. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla, foi bolseira en ElPaular de Segovia e cursou estudos de posgrao na Städelschule de Frankfurt co artista Per Kirkeby. Ao longo da súa carreira expuxo en galerías e espazos de España e Alemaña. O proceso vital é o eixe central do seu traballo; o universo feminino e a nenez, protagonistas; e o evocativo, un elemento central no seu fundamento creativo. Na súa obra, organizada en diferentes series, aparecen personaxes inventados, adscritos a etapas vitais, que fan que o seu traballo sexa aínda máis narrativo e cinematográfico.