A Deputación de Pontevedra abre este luns as portas da nova oficina do ORAL en Sanxenxo

Até agora no local, que estaba situado ao carón da Casa do Concello, lévanse recadados en 2022 padróns por un valor superior aos 10 millóns de euros

04/11/2022

NOVA OFICINA ORAL SANXENXO

O deputado delegado de Facenda, Carlos López Font, inaugurou este venres a nova oficina do ORAL en Sanxenxo que abre o servizo de recadación tributaria da Deputación de Pontevedra. As novas dependencias, situadas no número 2 da rúa Viña da Fonte, na esquina coa rúa dos Mariñeiros e a carón da Casa Consistorial, estarán dispoñibles para atender a cidadanía a partir deste luns 7 de novembro.

Este novo espazo de 117 m2 adáptase á nova imaxe das instalacións do ORAL por toda a provincia, e reúne as condicións necesarias de modernidade, comodidade e accesibilidade para unha xestión máis eficaz e cómoda dos seus servizos, tanto para o persoal (neste momento traballan na oficina de Sanxenxo 3 persoas) como para as persoas usuarias. Trátase dun novo local máis luminoso e diáfano, con máis espazo libre e iluminación LED sostible, que dispón de tres mesas de atención á cidadanía –substitúen os anteriores mostradores nos que a cidadanía era atendida a pé– e tamén dunha nova zona de espera cunha pantalla con mensaxes corporativas e información tributaria.

Na oficina do ORAL en Sanxenxo aténdense anualmente arredor de 5000 consultas, tanto de persoas contribuíntes residentes na zona do Salnés como de calquera outro concello da provincia. Nela préstanse servizos de atención presencial en relación co Imposto sobre Bens Inmobles, o Imposto de Actividades Económicas e o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, así como sobre a xestión e recadación en vía voluntaria e executiva de taxas municipais, no caso do Concello de Sanxenxo salienta a taxa de recollida de lixo.

En 2022 a oficina leva xestionado padróns por un importe superior aos 10 millóns de €, dos que a meirande parte se corresponden co IBI de natureza urbana. Tamén realiza a xestión e recadación para os concellos que delegaron competencias na comarca, principalmente Meaño e Meis, cun volume de xestión de 1,2 e 1,4 millóns de euros, respectivamente.