O apoio da Deputación fai posible que Cerdedo-Cotobade recupere a casa do pobo de Corredoira

Carlos Font afirma no acto inaugural que a recuperación dun edificio arrebatado durante a ditadura franquista é “unha fermosa homenaxe á democracia”

15/06/2022

O apoio da Deputación permitiu ao Concello de Cerdedo-Cotobade ampliar as súas infraestruturas socioculturais coa inauguración da Casa do Pobo da parroquia de Corredoira, que se celebrou esta tardiña. No acto, que serviu tamén para conmemorar a recuperación dun inmoble requisado durante o franquismo, participou, xunto ao alcalde, Jorge Cubela, o deputado provincial Carlos Font.

A Deputación achegou 142.000 euros para esta obra no marco do Plan Concellos 2020, constituíndo así a principal actuación desa anualidade en Cerdedo-Cotobade co financiamento destinado aos concellos pequenos e medianos da provincia. Carlos Font subliñou a importancia do Plan Concellos, unha ferramenta dotada con 43,5 millóns de euros anuais e que fai posible a execución de medio cento de obras nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia “goberne quen goberne”. “Cartos regrados”, engadiu Font, “dunha Deputación municipalista, repartidos con transparencia e que constitúen o músculo investidor da provincia”.

A obra da Casa do Pobo de Corredoira supuxo unha profunda transformación do inmoble que no seu día foi usurpado polo franquismo. Conservando a súa esencia arquitectónica efectuouse unha restauración moderna e funcional para devolvérllela á veciñanza. Agora dispón dun salón de usos múltiples, unha cuberta acristalada, balcón, cociña, asador con churrasqueira e aseos adaptados, ademais dun pequeno almacén. Ademais, durante as obras financiadas integramente pola Deputación foi dotada de estufa, mobiliario e equipamento de cociña. Tralas obras e sumando os espazos interiores exteriores dispón de 167 metros cadrados útiles.

O edificio foi construído en 1933 pola veciñanza de Corredoira no recinto onde celebran as súas festas. Consiste nunha sinxela edificación de 75 metros cadrados de planta, fachada de granito executada polos canteiros da zona e tellado a dúas augas. En 1960 engadíuselle un espazo de 47 metros cadrados para Teleclube. Todo o conxunto está moi ligado ao “patrimonio sentimental” do concello e da veciñanza desta zona, como recalca  Carlos Font.

Carlos Font celebrou especialmente que o pobo recupere, gracias ás posibilidades financeiras que ofrece a Deputación para que os concellos fagan realidade as súas arelas, un edificio que lle foi arrebatado durante un período escuro da historia, a pesar de que tiña sido construído co esforzo de toda a veciñanza. “Esta inauguración de hoxe é froito da colaboración institucional entre o Concello, o Estado e a Deputación”, remarcou, “pero, sobre todo, é unha fermosa homenaxe á democracia, recuperando para o pobo o que é do pobo”.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.