O II Encontro Nacional de Políticas Públicas alerta sobre “o renacemento da misoxinia” , fronte aos avances das mulleres

Victoria Rosell: “O movemento negacionista non só está ameazando, insultando ás vítimas e sendo cómplice do agresor, senón que dirixe os seus ataques ás persoas que as defenden. Estamos nun momento que esixe a nosa forza e unidade”

02/06/2022

II Encontro Nacional de Políticas Públicas  

"Hai un renacemento da misoxinia que é unha resposta aos avances das mulleres a ese 2018 en que milleiros de mulleres saímos ás rúas dicindo que non queriamos máis violencia sexual nin máis desigualdade". Con esta afirmación, Rosa Cobo, a coordinadora do II Encontro Nacional de Políticas Públicas, pechou hoxe no Castelo de Soutomaior as xornadas da Escola María Vinyals da Deputación, na que durante dous días máis dun centenar de mulleres participaron nun intenso debate sobre a situación e os retos pendentes do feminismo. A violencia sobre as mulleres e a situación da igualdade nos eidos universitario e cultural centraron estas xornadas, que se teñen convertido nun espazo feminista de referencia a nivel nacional. "Quedou claro que a violencia contra as mulleres non é casual, senón que ten un carácter estrutural, que o desenvolvemento lexislativo en España é un referente e que todas as políticas sobre violencia contra as mulleres deben estar por riba dos intereses electoralistas", apuntou. "A violencia, a cultura e a universidade son espazos que fortalecen a desigualdade en lugar de desactivala".

Cobo agradeceu á Deputación e á presidenta Carmela Silva "esta Escola María Vinyals", así como ás relatoras o seu enorme esforzo por facer posible este espazo de reflexión que, como dixo, "tivo un nivel moi alto". "As persoas sabían o que tiñan que dicir e sabían do tema". A referente feminista e profesora da Universidade de A Coruña lembrou na súa intervención as distintas aportacións das relatoras, resumindo, entre outras, que "non se poden facer políticas de igualdade sen feministas".

A delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero,Victoria Rosell, abriu a xornada cunha charla sobre "Violencia contra as mulleres e as políticas de xénero", na que afondou nas políticas de igualdade propias da axenda feminista, conformadas por reformas legais, unha perspectiva de xénero transversal a todas as políticas públicas, e un orzamento acorde con esta prioridade, o que denominou as "tres pes" (política, presuposto e persoal). Rosell comezou a súa intervención facendo un repaso ás estatísticas da desigualdade e resaltou que a violencia contra as mulleres é unha violación dos dereitos humanos. "Non podemos perder a perspectiva da punta do iceberg -subliñou-. Cando se fala de 4 mulleres vítimas non é así, son 4 mulleres asasinadas. Vítimas hai moitas máis, hai un mar de violencia oculta que debemos ter en conta, xa que soamente se denuncia o 30% dos casos. Temos números tan tremendos que sitúan no 57,3% ás residentes en España que temos sufrido algún tipo de violencia por ser mulleres". Por estes motivos apelou a que "as políticas públicas estean por riba dos sectarismos políticos e teñan continuidade".

Victoria Rosell recordou que ata o 2004 en España as políticas públicas contra a violencia machista soamente tiñan unha resposta xurídico-penal "fráxil e incompleta porque non se ve o estrutural da violencia e fai recaer sobre a vítima a súa propia protección. Trala aprobación da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral Contra a Violencia de Xénero, no 2004, a xustiza comeza a abordar a cuestión dende o prisma estrutural e social". Ademais fixo un chamamento a facer fronte a certas "inaplicacións xudiciais", destacou o patrón "de discriminación e incredibilidade da xustiza" e pediu perfeccionar as leis, referíndose emocionada a aquelas nenas e nenos asasinados polos seus pais cuxas nais non poden repoñer os apelidos dos asasinos.

Tamén alertou sobre os negacionistas asegurando que "a Constitución Española ten entre os seus grandes principios á igualdade así que, se estás en contra da igualdade, aínda que te envolvas en bandeiras de España non es unha persoa constitucionalista". Sobre este movemento negacionista, Rosell asegurou que "non soamente está ameazando e insultando ás vítimas e sendo cómplice do agresor, senón que tamén está a dirixir os seus ataques contra aquelas persoas que defenden ás vítimas. Estamos nun momento de reacción preocupante que esixe toda a nosa forza e unidade".

Tralo seu relatorio, a xornada centrou o tema de debate na situación da igualdade na cultura, que iniciou a escritora e expresidenta de Clásicas e Modernas, Anna Caballé, coa charla titulada "A ignorancia non é un ben. Cara a unha resignificación do patrimonio literario" . Partindo da primeira frase, de Concepción Arenal, e do termo "resignificar", Caballé urxiu definir a necesidade de reinterpretar a historiografía literaria á luz das achegas que o feminismo, fundamentalmente, vén facendo ao estudo das mulleres e que obriga a unha reconsideración do canon literario tradicional. A autora, que puxo exemplos da obra de Kant e Freud, lembrou que as mulleres foron marxinadas "no sistema de produción e cultura do pasado". "A palabra malestar quédase moi curta cando falamos da muller en relación á cultura -dixo-. A muller ten sido un ser desamparado ao que ten chegado a súa oportunidade. Agora estamos en condicións de traballar nunha nova historicidade, unha nova teoría social e cultural que si considere a muller e a integre nun relato cultural verdadeiramente inclusivo e integrador. Iso estanos obrigando a unha revisión dos canons artísticos e culturais rigorosa e condúcenos a unha revolución moral". Concluíu afirmando que a nova política feminista "a que debe promover un cambio, require que nos deamos ánimos unhas a outras para levar a bo porto as transformacións que se propón (...). A ignorancia non conduce a ningunha parte. E non o conseguiremos se nos limitamos a criticar. Hoxe estamos aquí convocadas por unha mirada sobre o mundo que nos une, pero hai que pensar que mañá iremos máis lonxe".

Por outra banda, Alba González Sanz, investigadora feminista e experta en políticas de igualdade, e Asunción Bernárdez, catedrática de Comunicación da Universidade Complutense, participaron na mesa redonda "Igualdade na cultura, que poden facer as políticas públicas?". González incidiu en que "o ámbito cultural é historicamente un dos maiores espazos de disputa da igualdade de xénero nas nosas sociedades, é un dos elementos troncais da estrutura patriarcal e segue a ser o lugar no que o patriarcado deposita os seus imaxinarios". A súa exposición repasou a construción histórica da cultura dende o século XIX como ámbito de distinción patriarcal e quixo recoñecer "o avance acadado polas feministas dende o entramado cultural, que están a permitir lograr, dun xeito relevante, que as mulleres academos unha forza representativa como antes nunca tiñamos acadado". Sen embargo -alertou-, "aínda non derrubamos as barreiras do poder patriarcal" e "ese impulso feminista espertou unha besta que parecía durmida e non o está; unha besta que ten moi clara a súa idea de país e ten moi claro o papel das mulleres". Por estes motivos formulou a necesidade de "acceder ao poder real, que é o que vence, pola vía do Boletín Oficial do Estado, resistencias históricas. Non podemos mudar os imaxinarios sen dar este paso. Debemos defender a nosa presenza, que vaia máis alá, e introducirnos no lugar onde se deseñan as políticas culturais".

Asunción Bernárdez Rodal centrou a súa intervención no concepto "Manosfera', que define os espazos en Internet, foros, chats ou blogs "onde os homes tratan temas masculinos e a masculinidade" e que se teñen convertido en "burbullas comunicativas que van reforzando os conceptos da misoxinia máis brutal" e que está a ser utilizada "como reforzo da ideoloxía dos grupos de ultradereita" coa consecuencia do "rexurdimento do fascismo". A catedrática aludiu de xeito especial neste eido aos ataques que sofren na rede as programadoras de videoxogos (0 sector que máis diñeiro move na cultura), mulleres que só representan un 5% no mundo, e subliñou que se está a investigar ata que punto "estas son redes organizadas, e prodúcense mandatos para atacar de forma conxunta a persoas de maneira organizada". Bernárdez incidiu na necesidade de desenvolver políticas públicas capaces de enfrontar un fenómeno, "xa que se estamos en sociedades desiguais, estamos en sociedades infelices, temos que lexislar e traballar porque a igualdade é fundamental".

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.