O inventario botánico do xardín de Santa Clara inclúe alomenos unha ducia de árbores “de importancia” e tamén varios exemplares a retirar

Persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro está a facer a identificación de plantas e a súa localización, así como a analizar quimicamente o chan

01/06/2022

Inventario botánico Santa Clara

O persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) está a realizar a identificación das plantas do xardín de Santa Clara e a localizalas co fin de facer un inventario botánico completo. Nunha primeira aproximación téñense identificado varias árbores “de importancia” que se deberán conservar polas súas características, así como outros exemplares en mal estado que, por estar mortos ou afectados con algunhas patoloxías, será preciso retirar tanto da zona do claustro –entre as construcións- como da coñecida como ‘o bosque’, no sudeste da finca.

A xefa da EFA, Carmen Salinero, explica que o antigo terreo das relixiosas inclúe unha grande variedade de plantas e árbores dispostos de maneira desorganizada: “Aquilo é un mundo. Probablemente as monxas ‘pinchaban’ todo o que lle daba a xente. Hai cousas moi curiosas”, subliña.

No catálogo de especies destacan, tanto polo seu grosor, envergadura, como pola súa altura, varias árbores “importantes”, como pode ser un buxo duns cinco metros de altura ou un loureiro de aproximadamente seis metros, algúns castiñeiros situados ao lado da muralla e na zona do ‘bosque’, así como tamén catro sequoias de gran tamaño que se din irmás das que chegaron a Poio no 1992 pola conmemoración de cando se cumpriron os 500 anos da chegada a América.

Son tamén singulares dúas oliveiras que están plantadas a carón da ermita que está no medio da finca. Destacan por número as moitas árbores froiteiras repartidas polas diferentes zonas, en concreto a grande cantidade de maceiras (máis dunha vintena), limoeiros, laranxeiras e outros. Como curiosidade atopouse un kaki e dúas camelias.

A zona do claustro é, se cabe, onde destaca máis a mestura e desorde das plantacións.  As plantas están en bastante mal estado e o máis salientable é o grupo do loureiro mencionado e un aligustre, unha peonía totalmente agochada debaixo deles, un ‘acivro variegado’ e unha estrelicia (ou ‘ave do paraíso’); o resto son roseiras, hortensias, e azaleas. Na zona da viña anexa a maior parte é de variedade catalá, aínda que polo de agora estanse a marcar os pés un a un e a numeralos para despois poder referencialos. Tamén hai bastantes plantas de kiwi.

De cara a futuro, dende a EFA auguran a obrigatoriedade de conservar os exemplares de maior importancia por cuestión patrimonial, sen embargo, tamén subliñan a necesidade de facer unha ‘limpa’ dos pés que están en mal estado. Algúns exemplares, de feito, están mortos, e outros presentan síntomas de padecer algunha patoloxía. Destaca neste sentido que no bordo da muralla coa zona da rúa Santa Clara hai dez ‘tocóns’ de castiñeiros que foron cortados no seu momento, non se sabe se porque estaban en mal estado, porque caían e danaban a construción que rodea o convento ou simplemente porque morreron.

Estase a analizar tamén quimicamente o chan para ver as zonas nas que se poderían dar mellor segundo que tipo de especies e como se podería mellorar a fertilidade con algún tipo de tratamento.

Hai que lembrar que segundo asegura o vicepresidente César Mosquera, o obxectivo principal do Concello de Pontevedra e da Deputación -no caso da incorporación do antigo conxunto relixioso ao Museo-, é abrir as instalacións ao público, facendo que o xardín-finca sexa un espazo de lecer e escenario de actividades destinadas á cidadanía, o que requirirá con toda seguridade dun proxecto de reordenación vexetal.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.