O Museo celebra o Día das Artes Galegas 2022 dedicado a Laxeiro con visitas guiadas pola súa obra e obradoiros creativos para a cativada

O pintor lalinense, pensionado pola institución para a súa formación en varias ocasións, é un dos “indispensables” da  colección permanente

28/03/2022

O Museo de Pontevedra, co gallo do Día das Artes Galegas que se celebra este venres e que este 2022 está dedicado a Laxeiro, desenvolverá ao longo de todo o mes de abril dúas actividades dirixidas tanto a público adulto como á cativada: visitas guiadas pola obra do autor e obradoiros creativos da man de Migallas Teatro.

As visitas guiadas faranse polas salas do segundo e terceiro andar do Edificio Castelao onde está exposta a obra da que é unha das principais figuras da arte galego do século XX. Serán os venres 1 e 8 de abril ás sete da tarde con entrada libre ata completar a capacidade. Os itinerarios consistirán nun percorrido pola traxectoria do artista lalinense, desde a súa etapa de reflexión na renovación da arte galega ata a formación da súa linguaxe máis representativa: partindo dun Laxeiro que domina o debuxo, que fai retratos de corte naturalista, a un Laxeiro máis expresionista, onde a deformidade e o uso subxectivo da cor o conectan coas tendencias de vangarda. En total analizaranse unha decena de obras que van desde 1939 a 1976.

Destinados á cativada haberá obradoiros creativos con Migallas Teatro que combinarán o coñecemento da vida e da obra do artista coa expresión plástica, dramática e musica. Serán os sábados 2,9, 16 e 23 de abril en dúas quendas diferenciadas: de 10 a 11.30 para crianzas de 5 a 8 anos e de 12 a 13.30 para rapazada de 9 a 12 anos. É precisa inscrición previa en reservas.museo@depo.gal.

Laxeiro é un artista indispensable e cunha relación moi estreita co Museo de Pontevedra, xa que na súa traxectoria foron fundamentais as pensións que recibiu da Deputación de Pontevedra para favorecer o seu desenvolvemento como creador.

Animado polo pintor Colmeiro solicitou en 1931 a bolsa artística da Deputación que permitían formación en Madrid e viaxes por Europa para contactar coas vangardas creativas. Ese ano foille denegada e foi o Concello de Lalín o encargado de  pensionarlo para acceder á Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid. Un ano despois, en 1932 logrou a bolsa provincial e, desta forma, continuou formándose na capital española coincidindo con outros intelectuais procedentes de Galicia como Castelao e Otero Pedrayo, ademais doutros pintores como Urbano Lugrís, Manuel Torres ou Souto.

No ano 1933 regresou a Galicia e entrou en contacto con Maside, Luís Seoane ou Cunqueiro en Santiago de Compostela. O Museo conta con catro debuxos desta etapa de pinturas centradas no entroido, a maternidade e as escenas campesiñas: ‘Romance de unha fatal ocasión’, ‘Vendedoras’, ‘Apunte’ e ‘Apunte de anciano’, obras que van do surrealismo á representación dos costumes galegos. Durante os anos da guerra debuxa e pinta varios retratos.

Xa en Pontevedra en 1940 era un asiduo dos faladoiros do Café Moderno, onde pintou o mural Manancial da Vida. Ao ano seguinte, a Deputación de Pontevedra volveu ofrecerlle outra bolsa e o pintor ofreceu a cambio as obras ‘Retrato de mi hija’ e ‘El baño’, que foron depositadas no Museo.

En 1942 trasladouse a Vigo cunha nova bolsa da institución provincial, pero continuou acudindo con frecuencia ao faladoiro do café Savoy. Nesta etapa desenvolveu a temática infantil con obras como ‘Personajes’, ‘Retrato de Manuel Quiroga’ e ‘Homenaxe a Castelao’.  Entre 1951 e 1970 desenvolve un novo período cunha viaxe a Buenos Aires e ofrece diferentes rexistros plásticos que se poden observar en ‘Llegada del Rey Breogán a Galicia’ (1954) tamén pertencente ao Museo.

En 1970 obtivo a Medalla de Ouro da I Bienal de Arte de Pontevedra coa súa pintura ‘Retrato do General Martínez Monge’, militar republicano exiliado en  Argentina. Nos anos seguintes pintou o mural ‘Villancico’ para o propietario da Galería Velázquez de Buenos Aires, unha obra que pasou ao Museo en 1999, nove anos despois de ser levantada para evitar a súa desaparición.

Finalmente, da súa última etapa artística, cando regresou a España para vivir entre Galicia e Madrid, o Museo conserva os debuxos ‘Retrato de hombre con gafas’ e ‘Retrato de José Barros Malvar’. Durante este período traballou baixo a influencia abstracta. En 1985 recibiu a Medalla de Honra na VIII Bienal de Pontevedra cunha mostra antolóxica da súa obra. Destes anos o Museo conserva ‘ Maternidade’ (1986) ademais de tres obras sen título.