A Deputación apoia un obradoiro de defensa persoal benéfico en favor da familia de Corredoira, que perdeu a súa vivenda nun incendio

24/01/2024

Obradoiro de defensa persoal benéfico en favor da familia de Corredoira

A Deputación de Pontevedra é, xunto co Concello de Cerdedo-Cotobade e a Federación Galega de Kickboxing e MuayThai, unha das entidades colaboradoras coa Hong Muay Thai Academy (HTMA) Toni Garrido no desenvolvemento dun obradoiro de defensa persoal que se realizará este sábado e terá un fin benéfico, xa que busca axudar a familia que perdeu a súa vivenda o pasado mes de decembro por mor dun incendio na parroquia de Corredoira (Cerdedo-Cotobade). Así o confirmou o deputado de Xuventude da institución provincial, Jorge Cubela, nun encontro celebrado no Pazo da Deputación con Toni Garrido.

En concreto, o obradoiro desenvolverase entre as 16:00 e as 19:00 horas do sábado 27 de xaneiro, nun lugar por concretar entre a HTMA Toni Garrido, en Viascón, e o Pavillón Municipal de Carballedo, segundo o número de persoas que se inscriban. O donativo para participar é de 15 euros e o importe íntegro destinarase á familia cotobadesa. As persoas interesadas poden inscribirse presencialmente na HTMA Toni Garrido (Bouza, 1, Viascón), por teléfono ao 679612484 ou en calquera das sedes do Concello de Cerdedo-Cotobade.