Prazas esgotadas nas xornadas ‘A (des)memoria nas aulas’ da Deputación para achegar recursos didácticos sobre o golpe de estado e a ditadura ao persoal docente

Os relatorios celebraranse na ‘simbólica’ antiga Escola Normal e poderán seguirse en directo a través da páxina depo.gal

25/04/2022

Des memoria nas aulas

Grande interese entre a comunidade docente polas xornadas ‘A (des) memoria nas aulas’ organizadas polo departamento de Memoria Histórica da Deputación para achegar ao profesorado recursos cos que abordar o golpe de estado, a ditadura e a represión xunto co alumnado da provincia. As prazas presenciais están xa esgotadas - está aberta unha lista de agarda- e vaise abrir a posibilidade de seguir os relatorios en liña en directo a través da páxina web da Deputación depo.gal.

As xornadas –segundo explica a deputada de Memoria María Ortega- organizáronse para facilitar a docencia a profesorado que teña vontade de traballar o tema co alumnado, ben nas titorías, ben na biblioteca a través dalgunha lectura, a través dos grupos de igualdade, de clubes de lectura, clubes de letras, e clubes de debate “tecendo redes de memoria”. Cóntase coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo (xa que a asistencia presencial ten recoñecemento curricular).

O Edificio Administrativo da Deputación, a antiga ‘Escola normal’, será o lugar simbólico onde se realizarán as conferencias: este inmoble acolleu a institución dirixida por Ernestina Otero na que se formaron novas xeracións de mestres que serían duramente perseguidas e depuradas a partir de 1936.

Os relatorios comezarán o venres 29 de abril ás 16.30 horas coa inauguración institucional para dar paso despois ao investigador Xosé Álvarez Castro, que falará sobre ‘De que falamos cando falamos de memoria’, seguido de  Kiko Dasilva, ilustrador e editor, Eva Mejuto, escritora e Xulia María Barros, escritora, que abordarán os traballos feitos sobre a ‘Memoria ilustrada de San Simón’. Xa ás 18.45 horas será a quenda do escritor Manuel Rivas co relatorio ‘As doce pereiras, as dez maceiras e as corenta figueiras’. Ás 19.30 horas terá lugar a proxección do documental DORES, que contará con Coral Piñeiro, directora e guionista, e Maite Martínez Prieto, produtora e guionista.

O sábado 30 de abril na quenda da mañá traballarase sobre os ‘Recursos para traballar a memoria histórica na aula: lecturas e propostas audiovisuais’ a cargo de Pilar Sampedro, especialista en literatura infantil e xuvenil, e María Xesús López Escudeiro, investigadora, para seguir coa escritora e docente Susana Sánchez Aríns, que falará de ‘Seique” falamos de memoria na escola’.

Despois exporanse diferentes experiencias nas aulas, entre elas o traballo de ‘A memoria das mulleres’, explicada por Anxos Rial Vidal e Conchi Díaz Candán, docentes do IES Sánchez Cantón, e Cristina González Pérez, do IES Frei Martín Sarmiento; de ‘Memorias cruzadas’ do IES A Cachada de Boiro con Berta Gómez; e de ‘Memorias da Illa’ do CEIP Reboreda de Redondela con Verónica Camiña. Na xornada de tarde haberá unha viaxe e roteiro pola Illa de San Simón guiado por Matías Rodríguez da Torre, docente e especialista en memoria histórica.

As xornadas terán lugar no Edificio Administrativo da Deputación