Luis López salienta a importancia de eventos deportivos coma o Rally do Cocido como elementos dinamizadores da economía e do turismo na comarca de Deza

O presidente provincial destacou este luns en Lalín a tradición polo deporte do motor que existe na provincia e reiterou o apoio da Deputación ás escuderías que organizan competicións coma esta, que son un éxito de público, participación e seguridade

01/04/2024

Luis López salienta a importancia de eventos deportivos coma o Rally do Cocido

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a importancia da realización de eventos deportivos coma o Rally do Cocido como elementos dinamizadores para a economía e o turismo da comarca de Deza na presentación da vixésimo oitava edición desta competición, que terá lugar a vindeira fin de semana. “O Rally do Cocido é un deses acontecementos que, desde o deporte, atrae visitantes e dinamiza a economía de toda a comarca”, afirmou o mandatario provincial este luns en Lalín.

Luis López reafirmou a aposta do Goberno da Deputación polo deporte “como complemento ideal para o turismo”, sinalou o dirixente, quen chegou a colaborar como voluntario na organización deste rally hai vinte anos. Neste sentido, apuntou que o executivo provincial, a través do apoio á organización de eventos deportivos, consegue atraer visitantes á provincia ao longo de todo o ano, dar a coñecer o patrimonio natural e cultural das comarcas e colaborar cos concellos. “A través do deporte practicamos o municipalismo”, sinalou o presidente facendo referencia ás achegas aos concellos ou ás asociacións culturais e deportivas que serven para “combater o reto demográfico, porque as zonas do interior teñen que ter as oportunidades que lles corresponden”.

Este compromiso que queda demostrado coa inclusión do criterio demográfico no Plan +Provincia ou co apoio á organización de eventos deportivos, coma este Rally do Cocido ou o partido da selección masculina absoluta de balonmán que terá lugar o vindeiro 8 de maio en Lalín.

Despois de recoñecer a tradición do deporte do motor na provincia, onde teñen lugar catro rallys e diversas probas de montaña e rallymix, e agradecer a colaboración dos concellos, colaboradores e da federación; Luis López puxo en valor o labor dos integrantes da escudaría Lalín Deza, así como de todas as persoas voluntarias para facer do Rally do Cocido unha proba que ano tras ano é un éxito de público, de participación, de seguridade e sostibilidade. É por iso que o presidente animou a toda a cidadanía da comarca e do conxunto da provincia a que se acheguen os vindeiros 5 e 6 de abril ao Deza para gozar deste rally que é “unha experiencia 100 % Rías Baixas”, concluíu.

Tendendo pontes co automobilismo galego

O apoio da Deputación á realización do XXVIII Rally do Cocido, que abre a tempada do motor na provincia de Pontevedra, enmárcase nun clima de colaboración do ente provincial coa Federación Galega de Automobilismo que quedou patente a pasada semana, logo do encontro de traballo mantido polo presidente, Luis López, e a vicepresidenta, Luisa Sánchez, co máximo responsable da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, no Pazo provincial.

Galerias de imagenes