A Deputación destina preto de 40.000 euros á rehabilitación e ao reforzo estrutural da casona da Finca Areeiro

A través desta actuación solucionaranse os problemas de illamento e de humidades e os danos nos elementos estruturais da fachada principal do recinto

07/03/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar o contrato por valor de preto de 40.000 euros para a rehabilitación e o reforzo estrutural na casona da Finca Areeiro. A través desta actuación solucionaranse os problemas de illamento e os danos nos elementos estruturais da fachada principal do recinto que impiden acadar os niveis de seguridade, habitabilidade e salubridade adecuados para desenvolver as actividades propias do centro.

Nestes momentos a casona está insuficientemente illada e amosa danos e incidencias nos elementos estruturais da súa fachada principal, ademais de filtracións no muro posterior. Deste xeito, a través deste contrato que acaba de ser adxudicado, o Goberno provincial pretende mellorar as instalacións de Areeiro, actuando tanto na planta baixa coma nas fachadas este e sur da primeira planta. Así, rehabilitarase a estrutura dos elementos que presentan patoloxías severas e solucionaranse os problemas de humidades mediante a impermeabilización da edificación. Tamén se executará unha beirarrúa e un zócalo para evitar o contacto directo do terreo co muro da fachada e, entre outras actuacións, substituiranse as carpinterías na planta baixa da fachada sur e canalizaranse as augas pluviais.

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, creada en 1981 tras a adquisición da Granxa Areeiro por parte da Deputación en 1963, é un centro de investigación pioneiro en Galicia, dedicado principalmente a asesorar as e os agricultores da provincia no relativo á sanidade dos seus cultivos. O seu persoal proporciona información con solucións aos problemas fitosanitarios que, de non seren controlados, poden levar á diminución ou á desaparición dos cultivos e analiza solos para poder asesorar sobre as correccións e os fertilizantes adecuados para os cultivos. Entre as súas iniciativas figuran os limiares de tratamentos, as notificacións de primeiras deteccións de pragas, a análise de mostras, a elaboración de avisos fitosanitarios, un programa de doazón de especies vexetais para xardíns de acceso público, cursos formativos, proxectos de investigación ou un programa de visitas guiadas aberto a toda a cidadanía.

Ademais, este centro dependente da Deputación dedícase tamén aos usos produtivos da camelia, principalmente té e aceite, cunha área de cultivo que suma 500 m2 e 300 plantas. En 2023 os seus xardíns acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia e tamén se impulsou o Plan estratéxico do té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo e que inclúe, entre outras accións, o rexistro da marca TéAreeiro.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.