A Deputación convocará un concurso internacional de ideas para definir o anteproxecto de rehabilitacion do convento de Santa Clara e incorporalo ao Museo

A vindeira semana comezarase a exhumación dos corpos das monxas sepultadas no cemiterio do recinto

19/05/2022

Santa Clara

A Deputación de Pontevedra vai convocar un concurso internacional de ideas para definir  como se realizará a rehabilitación do convento de Santa Clara para incorporalo ao Museo de Pontevedra. Así o anunciou hoxe o vicepresidente César Mosquera nunha visita ás antigas  instalacións das clarisas, xa limpas de entullos e elementos inservibles, e preparadas para iniciar as sondaxes arqueolóxicas e os estudios de paramentos e historiográficos.

O responsable político do Museo manifestouse convencido de que ao concurso de ideas presentaranse “os mellores especialistas do mundo en museos para ver que posibilidades hai de organización”, achegando as mellores solucións posibles para o uso do edificio como museo. Subliñou que xorden moitas ideas de “arquitectura recreativa” sobre o futuro das instalacións “porque cada visita que se fai a imaxinación cambia para facer cousas distintas”. Sen embargo, destacou que se todas as ideas “que pasan pola cabeza” se fixeran públicas a cidadanía “estaría absolutamente mareada”, asegurando que por iso é necesario facer o concurso, decisión xa acordada co Consello asesor do Museo e con fondos previstos no orzamento provincial.

En canto aos prazos, Mosquera afirmou que o obxectivo é ter información suficiente do estudo arqueolóxico e histórico artístico de cara a setembro-outubro para poder concretar as bases sobre as que abrir o certame. De feito, no contrato dos estudos estableceuse unha cláusula conforme a empresa adxudicataria terá que informar en tempo real de todos os achados, sobre todo nas zonas que se prevén prioritarias para futuras actuacións.

Segundo o vicepresidente César Mosquera o ritmo ao que se está a traballar no convento é “inaudito”. Explicou que se está a facer un esforzo “ímprobo con prioridade absoluta” para sincronizar as actuacións entre os servizos do Concello e Deputación: “Contratamos o estudo de arqueoloxía e histórico, o maior que se fixo en Galiza e probablemente no Estado, nun tempo récord. Comezarán a traballar o día 13. Asociado a iso había que facer a limpeza e rozar. Estase a facer a catalogación de árbores e cepas. Toda unha maquinaria en marcha na que se falla algo... retrasaría todo. E queda moitísimo por facer”, salientou.

Segundo subliñou, “Santa Clara mereceu o esforzo de comprar, merece o esforzo de facer estes estudos e creo que merece todos os esforzos para lograr facer unha actuación necesaria e poñelo en valor. Non está en estado de urxencia para actuar, pero a urxencia poñémola nós porque ter isto aquí parado non é procedente polo valor que ten. Ímolo intentar”.

Pola súa banda, o director do Museo Xosé Manuel Rey asegurou que o convento de Santa Clara “apunta ben” para un futuro uso museístico. “Temos establecidos pasos para que rematada a intervención poidamos ter unha idea moi clara de ata onde poderíamos chegar e telo en conta para o posible prego de prescricións técnicas co que sacar adiante o concurso de ideas”, sinalou.

Todas estas declaracións foron realizadas polos responsables político e técnico do Museo nunha visita para ver o resultado dos traballos de limpeza e retirada de entullos, así como a conservación e catalogación de elementos de valor.

 Recreacións e escenografías con “pequenos tesouros”
Grazas aos traballos de limpeza as distintas dependencias do convento pódense visualizar moito mellor que trala súa compra, cando moitas estaban impracticables. Segundo explicou o director Xosé Manuel Rey, o obxectivo da limpeza foi principalmente facilitar a realización das sondaxes pero tamén permitiron facer unha escolma de “pequenos tesouros” a conservar entre os moitos entullos e residuos acumulados durante os 700 anos de uso das clarisas na súa “cápsula do tempo”.

O criterio dos traballos, explicado da man da conservadora do Museo Natalia Fraguas, foi recuperar todo o material que puidera ter un valor histórico, artístico ou contextual que permita poder realizar no futuro algunha recreación ou escenografía. Tratáronse as pezas como se fosen de gran valor do propio Museo –documentados, inventariados e salvagardados-, “xa que non son importantes polo que son en si, senón polo que contan. Moitas veces pezas tremendamente modestas poden ter unha carga narrativa e xerar un relato suficientemente atractivo e que pode interesar á xente”, apuntou tamén o director.

Entre as pezas conservadas están elementos tales como mobles, recipientes, baúles, enreixados... moitos deles, sobre todo os de máis valor, atopados nas zonas máis vellas que se utilizaban como almacén. Na visita de hoxe explicouse que “a xoia da coroa” na que máis descubrimentos se están a realizar é a zona do antigo refectorio, onde máis intervencións “bravas” de reforma se realizaron nos anos 60 e 70. “Estamos a descubrir detalles como pinturas murais na hornacina da cociña”, explicou o concelleiro Xaquín Moreda, quen subliñou que o último enfoscado que se fixo tapa as pinturas, polo que moi probablemente aparecerán máis imaxes, orlas, grecas, elementos figurativos ou inscricións. O espazo foi incluso utilizado como corte de animais pequenos nalgún momento.

“Hai pequenos tesouros que non teñen valor importante, pero si documental, porque nos permiten ver como vivían, os produtos que consumían as monxas... Hai cantidade de barrís, de caixas de madeira que servían como embalaxe, e que falan da historia local e tamén de escala mundial, posto que hai algunhas latas de produtos do Plan Marshall”, apuntaron os técnicos. Non quedou, iso si, ningún tipo de vestiario das monxas e a nivel persoal  só apareceron fragmentos dunha carta dunha clarisa e unha tarxeta postal dentro dun baúl. “Seguimos a descubrir cousas cada día”, sinalaron.

Por outra banda, o estudo a realizar nos vindeiros tres meses vai aglutinar diferentes técnicas e campos do saber: escavación arqueolóxica con diferentes metodoloxías e sondaxes; estudo histórico artístico; baleirado documental e estudo dos paramentos para poder diferenciar fases construtivas que poidan orientar nun futuro proceso de rehabilitación.

O director do Museo subliñou que a intención é anticiparse e avanzar sobre a intervención arqueolóxica: “Sabemos que hai espazos que con total seguridade van dar resultado positivo. No claustro temos non menos de 13 laudas sepulcrais que están relacionadas con enterramentos. Probablemente foron movidas para asentalas, pero dalgunha maneira é habitual que neste espazo as haxa. Se fixeramos unhas catas darían positivo e habería que ir ampliando. Queremos deixalo zanxado tendo iso xa previsto”, asegurou, argumentando que se vai actuar en 700 metros cadrados de intervención arqueolóxica -“que é unha barbaridade.

Finalmente, o concelleiro responsable de Patrimonio Histórico de Pontevedra Xaquín Moreda anunciou que na igrexa seguirá habendo programación cultural de maneira paralela aos traballos da Deputación. Anunciou as últimas visitas para este fin de semana cunha xornada de portas abertas do xardín, e deu a coñecer unha novidade: a exhumación dos corpos das monxas que hai no cemiterio do recinto para a vindeira semana. Salientou que a funeraria que está contratada por parte das clarisas ten previsto traballar o luns, martes e mércores, e que en total prevese atopar os 58 corpos datados desde 1900. “Descoñécese o número de corpos anteriores. Hai unha semana estaban chegando as autorizacións da Xunta e agora xa teñen todas as pertinentes. Poden empezar coa exhumación”, afirmou.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 18 resultados.