Arrancan as primeiras accións formativas do programa SmartPeme da Deputación neste 2024, con catro cursos sobre ciberseguridade e márketing

Os obradoiros desenvolveranse de xeito telemático e están dirixidos a pemes e persoas autónomas

14/01/2024

Arrancan as primeiras accións formativas do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas da Deputación neste 2024, con catro novos cursos. Os obradoiros desenvolveranse de xeito telemático e abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, márketing de audio, a creación dun blog turístico e márketing de crecemento.

A primeira das xornadas comeza este luns 15 de xaneiro, ás 10:00 horas, con Ciberseguridade, o que non se Ve da Navegación na Internet, impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire, quen dará a coñecer os riscos aos que se expón a cidadanía cando navega por internet.

O martes 16, de 17:00 a 18:00 horas, terá lugar o obradoiro Audio Marketing: Crea e Diferénciate da Competencia cos Podcast, impartido por Laura Carrera, asesora de márketing dixital e comunicación. O obradoiro  está orientado ao proceso de elaboración dun podcast e abordará aspectos coma os beneficios de empregalo e a preparación dos seus contidos.

Pola súa banda, o mércores 17, ás 10:00 horas, dará comezo o obradoiro Como Crear o teu Blog Turístico, impartido pola profesional en turismo Patricia Cabaleiro. A través desta acción formativa proporcionaranse as claves para crear un blog turístico desde cero, impulsar o negocio e achegarse a clientela potencial.

Finalmente, o xoves 18, de 12:00 a 13:00 horas, terá lugar o obradoiro Growth Marketing: Estratexias para un Crecemento Sostible do teu Negocio, dirixido polo asesor en comunicación dixital e márketing en liña Adrián Fernández. No obradoiro, as e os asistentes aprenderán a empregar técnicas e estratexias do márketing dixital orientadas a acadar un crecemento sostido no tempo dunha empresa ou dun proxecto, sempre con base no estudo de datos e na metodoloxía de ensaio e erro.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.