Unanimidade na Deputación para esixir ao Goberno central a busca de solucións para a execución inmediata da construción do paseo marítimo entre Pontevedra e Marín

O pleno aproba prorrogar o servizo de limpeza dos centros provinciais, a poxa para as 14 parcelas libres do polígono de Barro, confirmar a participación da Estación do Areeiro nunha investigación sobre o medio mariño e actualizar o catálogo de estradas provinciais

26/04/2024

Votación no salón de plenos

O pleno da Deputación de Pontevedra acordou este venres por unanimidade solicitar ao Goberno central a busca de solucións para a execución inmediata da derradeira fase de construción paseo marítimo entre Pontevedra e Marín. Nunha moción defendida polo vicepresidente Rafa Domínguez, á que o Grupo Popular aceptou incorporar unha emenda do Grupo Socialista, á Deputación súmase ás peticións dos Concellos de Marín e Pontevedra e amosa o seu malestar pola negativa inicial de Costas a executar un proxecto que xa fóra incluído nos Orzamentos Xerais do Estado no ano 2022.

Tamén saíron adiante cos votos dos deputados do Grupo Popular outras dúas mocións relacionadas coa falta de apoio ás administracións locais por parte do Goberno central. A voceira María Ramallo foi a encargada de defender unha proposta pola que a Deputación urxe o Goberno a transferir a totalidade dos fondos consignados aos municipios para garantir unha axeitada prestación dos servizos e a instalo a que consensúe un sistema de financiamento suficiente que garanta a prestación efectiva dos servizos e palíe as dificultades financeiras que atravesan os concellos. A segunda moción, defendida polo voceiro Jorge Cubela, estaba enfocada á reprobar as palabras pronunciadas polo presidente do Goberno no Congreso dos Deputados nas que amosaba o seu menosprezo ao municipalismo e ao conxunto dos concelleiros do país, ademais de instar ao Goberno de Pedro Sánchez a cambiar a súa política contra o municipalismo para cumprir coas súas responsabilidades. No debate deste punto da orde do día, os deputados do PSOE decidiron abandonar o salón de plenos.

Por unanimidade saíron adiante outros asuntos relacionados co funcionamento da Deputación como a prórroga por un ano do contrato de servizo de limpeza de todos os centros dependentes do ente provincial, o que supón un investimento de 1,7 millóns de euros divididos en cinco lotes para manter en perfecto estado as instalacións do Pazo provincial, do Servizo de Turismo Rías Baixas, do Museo de Pontevedra, do ORAL e do Centro Príncipe Felipe. Un acordo tomado por unanimidade que estende o servizo ata o vindeiro 31 de maio do 2025 e que inclúe unha modificación no lote 2, no que se suspende o servizo de limpeza na oficina de turismo da Armenteira. O acordo tamén foi absoluto para aprobar o expediente do concurso público para o alleamento ou constitución dun dereito de superficie, mediante procedemento aberto, das catorce parcelas dispoñibles no polígono de Barro. As parcelas sairán a poxa por un prezo de 120 euros por metro cadrado e o prazo para a presentación de ofertas será de trinta días desde a publicación do expediente no Boletín Oficial da Provincia.

Tamén foi aprobada a modificación do proxecto para facer realidade o plan de mellora da mobilidade peonil na capela de San Xoán da Barcela, en Arbo, ao abeiro do programa PON2030. Do mesmo xeito que se aceptou a renuncia do Concello de Pontecesures á subvención concedida ao abeiro do programa ReacPon para a obra de reconexión peonil, segura e amable do núcleo urbano do municipio.

Así mesmo, deuse luz verde á participación da Estación Fitopatolóxica do Areeiro como socio do proxecto de investigación sobre o medio mariño e novos produtos relacionados co mar noemado Beap-Mar “Blue BioEconomy in the Atlantic Area: New Products from the Marine Organisms”, así como á actualización do catálogo de estradas de titularidade provincial e a aprobación de dous novos cargos con dedicación exclusiva e parcial.

Pola contra, as mocións presentadas polo Grupo Socialista para esixir, por un lado, á Xunta de Galicia e, por outro, á Deputación un plan integral de mellora do firme e a adopción de medidas de seguridade viaria nas estradas de titularidade autonómica foron rexeitadas.

Lealdade Institucional

Foi no debate destes dous últimos puntos da orde do día na que o principal grupo da oposición acusou en reiteradas ocasións ao goberno da Deputación de falta de lealdade institucional por non recibir aos alcaldes e alcaldesas doutros grupos políticos distintos ao do Partido Popular. Unha afirmación que desmentiu o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, ao recordarlle á voceira do Grupo Socialista, Ana laura Iglesias, que só nos primeiros cinco meses de goberno recibiu a 12 dos 19 alcaldes socialistas da provincia.

Luis López continuou a súa argumentación engadindo que, despois das eleccións autonómicas, retomou os contactos completando o recibimento a todos os alcaldes da comarca do Salnés, dos que catro son do PSOE. E, sen ir máis lonxe, nos últimos días o presidente provincial reuniuse co rexedor de Mondariz Balneario, César Gil (BNG); de Cambados, Samuel Lago (PSOE); de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán (PP); e participou nun acto en Barro co seu rexedor, Xose Manuel Fernández Abraldes (BNG).

Unha axenda que demostra a lealdade institucional e a vontade de cooperar do actual goberno provincial cos 61 concellos que forman a provincia de Pontevedra e que contrasta co executivo anterior, que en oito anos a súa presidenta deixou sen visitar varios concellos, entre eles Rodeiro, do que Luis López era alcalde.

O pleno serviu tamén para oficializar a renuncia ao seu cargo de deputado de José López despois do seu nomeamento como conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. O seu posto será ocupado por Belén Cachafeiro.