Unha inversión de 425 millóns de euros en Galicia para “transformar a vida” de veciñas e veciños mediante a rehabilitación e o acceso á vivenda

A presidenta provincial, Carmela Silva, xunto co delegado do Goberno, José Miñones, e a subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo un encontro coas alcaldesas e alcaldes da provincia para trasladarlles as oportunidades de financiamento en materia de vivenda

02/05/2022

O Goberno central impulsará a rehabilitación de 25.000 vivendas en Galicia no período 2018 – 2025 grazas a programas como o Plan Estatal de Vivenda ou o Plan de Recuperación. Así o anunciou hoxe o delegado do Goberno, José Miñones, no encontro con alcaldesas e alcaldes da provincia de Pontevedra para informarlles das oportunidades que hai en marcha neste eido. Acompañado pola presidenta de Deputación, Carmela Silva, e pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, non dubidou en eloxiar o traballo que se fai en materia de fondos europeos dende o Goberno provincial, “un exemplo de bo facer e de colaboración institucional”.

José Miñones animou ás 32 alcaldesas e alcaldes da provincia presentes na reunión a aproveitar esta oportunidade histórica, que deixará en Galicia 425 millóns de euros en materia de vivenda a través de diferentes programas. Entre outros, Miñones destacou o Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP). Se ben o prazo de solicitude para a Liña 1 do programa pechou a finais de abril, os concellos aínda poden solicitar financiamento para a Liña 2, a máis ambiciosa das dúas, ata o próximo 9 de xuño. Esta é “unha oportunidade única de transformación, mantemento e recuperación de edificios públicos que non están en servizo”. Precisamente, a presidenta provincial lembrou a liña de axudas posta en marcha dende a Deputación para cubrir os gastos da asistencia técnica da redacción de proxectos para aqueles concellos que presentan proxecto ao PIREP. En total, presentáronse 31 concellos  e, se ben están en revisión,  á idea é que se financien todas as solicitudes recibidas. O Delegado tamén puxo en valor o Bono Xoven de Aluguer que en Galicia permitirá que 3.800 menores de 35 anos poidan recibir axudas de 3.000 euros anuais para o aluguer, ou as subvencións para a construción de vivendas en aluguer social en edificios enerxeticamente eficientes.

En total, a inversión do Goberno central en Galicia en materia de vivenda sumará arredor de 425 millóns de euros, contando cos 164,4 millóns dos plans estatais de vivenda, os 230 de fondos extraordinarios do Plan de Recuperación e os 21 dos programas estatais de vivenda social.

Oportunidade histórica

Como recordou Carmela Silva durante o acto, os fondos Next Generation EU son unha importante oportunidade para a transformación da provincia, xa que con eles vaise actuar en diferentes ámbitos económicos e sociais. É por iso que, desde a aprobación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a Deputación adaptou “as prioridades e actuación” da súa acción de goberno “aos grandes obxectivos” a nivel nacional.  De feito, a principios de ano creouse a Oficina de Proxectos Europeos co fin de “dar apoio e asesoramento tanto á propia Deputación como  aos concellos da provincia para aproveitar as oportunidades que ofrecen os diferentes programas de fondos europeos” a través de “asistencia técnica e asesoramento, formación e información e captación de recursos”.

A presidenta destacou, ademais, que a Deputación é “un dos organismos provinciais que máis proxectos ten presentado para executar en concellos de menos de 20.000 habitantes”. En concreto, na provincia xa hai catro aprobados, dos que se benefician 31 concellos. Concretamente, trátase de dous proxectos centrados no turismo, cos que se busca dar un paso de calidade nas comarcas de Deza – Tabeirós e do Condado – A Paradanta, e outros dous enfocados ao comercio.

Por outra banda, a institución provincial tamén conta con sete proxectos aprobados na primeira convocatoria dos fondos DUS 5.000 en materia de infraestruturas e catro no eido de eficiencia e transición enerxética. Carmela Silva explicou igualmente que a Deputación vén de presentar, xunto con Cantabria e Cáceres e dentro do programa Experiencias da Secretaría de Estado de Turismo, unha ruta dos fenicios e da arte rupestre. Por último, adiantou que a vindeira semana se presentará o Plan de Sostibilidade no Destino, centrado na gastronomía. “É un plan moi potente no que traballaremos da man de todo o sector co obxectivo de converter a provincia nun destino enogastronómico sostible, dixital, integrador e innovador”, asegurou.

A presidenta fixo ademais fincapé no traballo que se está a realizar dende a Deputación para ofrecer apoio e asesoramento aos concellos. Así, ofrécelles asistencia técnica para axudarlles na elaboración de proxectos para os programas de Apoio a Mulleres Urbanas e Rurais e vén de poñer en marcha una oficina de promoción, asesoramento e apoio aos concellos, empresas e particulares para crear comunidades enerxéticas, “vital nun momento no que temos máis claro que nunca a importancia de non ter dependencia enerxética doutros países”.

Ademais, como recordou a presidenta, a Deputación foi “a primeira administración do Estado en redactar un Plan de Medidas Antifraude”. Este foi presentado ante os concellos para que o poidan empregar de guía para redactar os seus, “un requisito indispensable”. Por outra banda, nos próximos días remitirase aos concellos un Manual de Procedementos de Xestión para facilitar aos servizos e órganos xestores locais o cumprimento dos principios de xestión das actuacións financiadas polos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación.

Galerias de imagenes

audios