Os timbais centenarios da antiga Banda Municipal de Vigo, protagonistas dun libro e un documental avalados pola Deputación

Os instrumentos restaurados soarán no concerto da Clásica sobre Mozart do vindeiro 18 de marzo

10/03/2022

Vigo libro timbais centenarios

Os timbais de 1913 da extinta Banda Municipal de Música de Vigo son os protagonistas do libro presentado hoxe na EMAO de Vigo ‘Os timbais da Banda Municipal de Música de Vigo. Historia musical de Vigo a través dunha publicación’, que recolle o proceso de localización, identificación e restauración dos instrumentos. A obra foi realizada grazas á edición da  Orquesta Clásica de Vigo e á colaboración económica da Deputación de Pontevedra a través da liña de axudas para edicións do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, que achegou unha subvención de 6.721 euros.

O volume conta a historia dos timbais, que levaban 30 anos esquecidos nun faiado dentro duns cestos e atopábanse nun estado de deterioro e maltrato moi acusado, polo que a premisa principal foi recuperar a súa utilidade como instrumentos e facelos soar de novo. Segundo explicou o editor do libro Manuel Martínez, había tamén un segundo obxectivo na súa recuperación: “aproveitar o proceso de restauración para dar a coñecer todo o patrimonio musical e simbólico que os rodea” a través da redacción e divulgación dunha publicación.

A deputada provincial de Patrimonio Documental, a nacionalista María Ortega, -a pesares de non poder estar presente na presentación de hoxe- quixo dar os parabéns á Clásica polo seu traballo “pola a recuperación e mellora do patrimonio, neste caso a nivel musical, xa que a restauración dos timbais  supón unha importante riqueza relacionada coa provincia que debe salvagardarse e divulgar ante a cidadanía”. Subliñou que a Deputación sempre tenderá a man aos colectivos e entidades que traballen nesta liña.

A publicación financiada polo ente provincial recolle todo o proceso de restauración que levou a cabo para chegar ao estado actual dos timbais. Para explicala, inclúese unha colaboración de Pablo Abreu, quen realizou unha revisión histórica do contexto sociocultural e musical do Vigo da década de 1910, abordando a importancia das tendas de música locais e das sociedades que supoñen o xérmolo para que xurda o interese e hábitos pola música.

Pola súa parte, Alejo Amoedo traballou sobre a figura de Mónico García de la Parra, o director que chegou á cidade de Vigo en 1913 e revolucionou o panorama musical modernizando e elevando a formación extinta a unha das referentes do Estado. Esta figura foi fundamental para entender a compra dos instrumentos pois, grazas ao cambio de repertorio e profesionalización da entidade, foi preciso renovar material e ampliar as familias musicais. Finalmente, David Rodríguez recolle no seu artigo dentro do libro o proceso de catalogación e identificación dos instrumentos que levou a cabo para asesorar como experto na restauración.

Mozart esencial

Vigo libro timbais centenarios

Os timbais recuperados, que xa foran ‘reestreados’ en novembro de 2020 nun concerto no monte do Castro da man de Andrés Bernárdez, soarán de novo no concerto ‘Mozart esencial’ dentro da temporada ‘Correspondencias’ da Clásica grazas ao percusionista David Rodríguez. Será o vindeiro venres 18 de marzo (20.30h) no Teatro Afundación de Vigo cunha proposta monográfica sobre o autor. As entradas para este concerto -e os demais incluídos na temporada-  xa están á venda en Ataquilla.com.