A Deputación conecta a profesionais e empresas da industria musical nunha xornada de “networking” na sede de Vigo

A vicepresidenta Marta Fernández-Tapias salienta a oportunidade deste evento “para establecer contactos e conexións, compartir coñecementos e vivencias e para manternos ao día e actualizados nun sector en permanente cambio e movemento”

12/07/2023

Xornada networking A música dá traballo

A música dá traballo foi o lema da xornada de networking que nesta tarde acolleu a sede da Deputación en Vigo co obxectivo de conectar dun modo directo e estreito ás persoas profesionais da música coas empresas do sector. Un evento promovido pola institución provincial que serviu para dar a coñecer de primeira man cales son as necesidades reais de postos de traballo que existen nesta industria e para que as persoas asistentes puidesen contactar persoalmente coas empresas empregadoras e realizar as súas consultas. A vicepresidenta da institución provincial, Marta Fernández-Tapias, destacou a importancia desta xornada, enmarcada no programa Descúbreas, “para empaparnos de coñecemento en torno á música da man de empresas punteiras e destacadas do sector musical galego”.

Fernández-Tapias salientou a oportunidade deste evento “para establecer contactos e conexións, para compartir coñecementos, experiencias, vivencias ao redor desta ‘industria da alegría’”. “Porque o networking –engadiu- é fundamental para manterse ao día e actualizados nun sector en permanente cambio e movemento”. A vicepresidenta amosou o apoio da Deputación á industria musical galega e agradeceu así mesmo a implicación de Regalamúsica na organización desta xornada, “na que da man de grandes profesionais ides recibir información actualizada sobre as oportunidades laborais, sobre os cambios na demanda de postos de traballo, sobre as opcións de carreira dispoñibles e sobre as tendencias máis recentes no sector musical”. Deste xeito, participaron en A música dá traballo representantes das empresas Dot Beat (produción de concertos), A Movida (plataforma de comunicación), Global Set Up (servizos técnicos para eventos musicais), Sweet Nocturna (promotora de concertos) e Play Plan (promotora de festivais), que amosaron cal é a situación do sector e as necesidades que presenta no actual contexto trala pandemia. Amais, tamén interviñeron representantes da Universidade de Vigo que presentaron o Máster de Industria Musical que ofrece esta institución académica.

En liñas xerais, o evento pretendía establecer conexións entre profesionais e empregadores/as, ademais de orientar vocacionalmente ás persoas interesadas e tamén promover a presenza de máis mulleres no sector da industria musical. Para elo, a xornada articulouse en relatorios exprés, nos que as empresas abordaron os distintos postos de traballo máis demandados en cada un dos seus ámbitos e ofreceron as súas respostas ante as dúbidas das persoas presentes, e tamén con speed meetings, nos que as persoas asistentes puideron entregar persoalmente os seus currículums ás empresas e facer consultas personalizadas.

videos