A Deputación acolle unha xornada do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para poñer en valor a incidencia dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no mundo local

A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, foi a encargada de inaugurar este encontro participativo no que se analizaron as oportunidades que brinda a Axenda 2030 para os concellos

18/03/2024

Sandra Bastos no obradoiro

O salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación acolleu unha xornada do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para poñer en valor a incidencia dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no mundo local. A deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, foi a encargada de inaugurar este encontro participativo no que se analizaron as oportunidades que brinda a Axenda 2030 para os concellos.

Todos os ODS son locais, como así se titulaba a xornada do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade enmarcada no proxecto europeo “People & Planet: Un destino común”, tiña por obxectivo xerar un diálogo aberto, analítico e construtivo entre representantes dos concellos para explorar conxuntamente estratexias co fin de localizar a Axenda 2030 de maneira efectiva. “Queremos tender pontes con todas e todos vós porque o mundo local, os concellos, son xa e seguirán sendo neste mandato á fronte da Deputación de Pontevedra, os verdadeiros protagonistas”, asegurou a deputada provincial.

O encontro serviu como intercambio de experiencias e información especializada co fin de aumentar a capacidade do mundo local para aplicar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e coñecer as liñas de financiamento dispoñibles para promover desde os municipios unha acción coordinada e inclusiva. Ademais, entregóuselles ás persoas participantes unha guía de apoio con orientación práctica e exemplos concretos de integración efectiva dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nas políticas e accións locais.

Galerias de imagenes