A Deputación concede máis de 46.000 euros a Meaño para executar as obras de mellora da piscina municipal de Dena

Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que distribuíu xa preto de 2,3 millóns de euros entre concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes

30/04/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de máis de 46.000 euros ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 4 millóns de euros, para o Concello de Meaño, recursos cos que o Goberno local acometerá as obras de mellora da piscina municipal de Dena.

O Concello de Meaño destinará esta achega de 46.434 euros a mellorar unhas instalacións que teñen diferentes problemas que cómpre solucionar para que poidan ser empregadas con seguridade pola veciñanza. Desta maneira, arranxaranse deficiencias no muro de contención de terras do lateral do recinto e, no interior, substituiranse os actuais pavimentos, tanto de baldosa como de pedra artificial, por uns novos. Ademais, no vaso da piscina infantil realizarase unha revisión e selado dos skimer, así como de fisuras que existen na actualidade no alicatado de gresite. Finalmente, no local destinado ás instalacións obsérvase unha gran filtración de auga ao interior a través da cuberta plana, polo que se procederá á súa impermeabilización.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento preto de 2,3 dos 4 millóns de euros do orzamento total, con achegas, ademais de para Pontecesures, para A Cañiza, A Estrada, A Illa de Arousa, A Lama Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Pontecesures, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.