A Deputación ofrécelles aos concellos da provincia Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta, un contacontos para festexar as Letras Galegas

Os concellos interesados nalgunha das 35 sesións desta actividade, que será de balde, deberán presentar unha instancia a través da Sede electrónica no Rexistro da Deputación a partir das 8 horas do vindeiro luns 13 de maio

09/05/2024

A Deputación ofrécelles aos concellos da provincia un contacontos dinámico e participativo para festexar as Letras Galegas, e divulgar a traxectoria da autora homenaxeada neste 2024, titulado Tinta do mar: pequena biografía de Luísa Villalta. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de remitirlles unha carta aos 61 concellos da provincia para ofrecerlles 35 sesións desta actividade, que será totalmente de balde. Os concellos interesados nalgunha das sesións deberán presentar unha instancia a través da Sede electrónica no Rexistro da Deputación a partir das 8 horas do vindeiro luns 13 de maio.

A actividade, realizada por Polo Correo do Vento, consistirá na narración da vida de Luísa Villalta e na creación dunha ilustración da autora. Ademais, abrangue a interpretación de distintas pezas musicais e pecharase cun pequeno coloquio adaptado á idade da rapazada participante. Completarase a sesión cun obradoiro no que cada asistente elaborará a súa propia caricatura de Villalta.

A partir das 8 horas do luns os concellos poderán solicitar algunha das 35 sesións a través dunha instancia na que deberán indicar o interese en realizala e tamén tres posibles datas para levala a cabo, en semanas diferentes, entre o 15 de maio e o 31 de xullo. Se a primeira opción quedase descartada, pasarase á segunda, e así sucesivamente. En caso de que as tres datas escollidas non estivesen dispoñibles, consensuaranse outras novas co Concello.

Pola súa banda, aqueles concellos que presenten a solicitude con anterioridade á data e hora de apertura do prazo de inscrición, quedarán automaticamente excluídos. Ademais, se houbese máis de 35 solicitudes, abrirase unha lista de agarda á que se acudirá no caso de renuncia dalgún Concello.

A Real Academia Galega (RAG) dedícalle o Día das Letra Galegas 2024 á escritora, filóloga e violinista galega Luísa Villalta. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, artigos xornalísticos e traducións, e a RAG destaca dela que foi “creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros dos 90”.