A Deputación inaugura no CEIP Lope de Vega, en Vigo, a mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”

A exposición, inaugurada pola deputada de Igualdade Sandra Bastos e enmarcada nun proxecto conxunto co Campus do Mar da Universidade de Vigo, pon en valor o papel das mulleres no uso responsable dos recursos mariños

21/05/2024

Sandra Bastos no CEIP Lope de Vega

A Deputación de Pontevedra inaugurou este martes a exposición “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” no CEIP Lope de Vega, en Vigo. Esta iniciativa, promovida pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo, busca darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño e estará dispoñible no centro ata o próximo 30 de maio. A deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, asistiu ao acto de inauguración que rematou cun obradoiro impartido por Tamara Amorín (participante na investigación do proxecto) para o alumnado de 5º de Primaria.

Sandra Bastos destacou que con esta mostra “recuperamos a memoria daquelas mulleres que dedicaron a súa vida aos oficios do mar no pasado, pero tamén damos voz a aquelas que os desempeñan na actualidade”. Neste sentido, nos paneis da exposición amósanse “mulleres das vilas mariñeiras orgullosas do seu papel, que loitaron e loitan por mellorar as súas condicións de traballo e a explotación de recursos mariñeiros, e tamén mulleres pioneiras na investigación e nas ciencias mariñas”. En definitiva, subliñou a deputada de Igualdade, “mulleres que representan á perfección que non se entende a economía e a sustentabilidade do mar sen a súa participación activa”.

“Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” afonda no papel destacado, e moitas veces invisibilizado, que as mulleres tiveron ao longo da historia na sustentabilidade do mar e no uso responsable dos recursos mariños. Recóllense oficios das mulleres do mar, desde 1914 ata a actualidade, comezando polos máis antigos –como os de mariscadora ou redeira– ata as investigadoras mariñas, pasando por aquelas que traballaron na salga e na conserva. A exposición está composta por vídeos e fotografías, así como imaxes (moitas delas inéditas) que serven para recuperar nas aulas o saber das mulleres do mar e promover a igualdade e mais a acción positiva entre os futuros profesionais e científicos.

A mostra chega ao CEIP Lope de Vega despois de pasar por múltiples lugares da provincia como Forcarei, A Guarda, Redondela, Vigo, Cangas, O Rosal, Cambados, Nigrán, Poio, Mondariz ou Pontevedra, e tamén estivo exposta no campus de Ourense da Universidade de Vigo.