A Deputación e a Real Academia Galega das Ciencias organizan este xoves un webinario sobre economía oceánica sostible

A conferencia, que se desenvolverá de xeito telemático, está enmarcada no ciclo Aida Fernández Ríos e será impartida polo profesor universitario Sebastián Villasante

15/05/2024

O ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos, que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, continúa este xoves ás 19:00 horas cun webinario sobre economía oceánica sostible. A conferencia leva por título "Os alimentos mariños son cruciais para a saúde do Planeta e benestar da humanidade" e estará impartida por Sebastián Villasante, Profesor Contratado Doutor no departamento de Economía Aplicada da Facultade de Administración e Dirección de Empresas e tamén parte do equipo do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago de Compostela.

Villasante sinalará no seu relatorio como os alimentos azuis desempeñan un papel crucial nos sistemas alimentarios, xa que poden contribuír á seguridade alimentaria, a reducir a malnutrición e tamén a crear sistemas alimentarios que sexan sans, resistentes e respectuosos coa natureza. En termos económicos, os alimentos azuis son o medio de vida de máis de 100 millóns de persoas e sustentan a mil millóns en todo o mundo a través da captura ou o cultivo de máis de 2.500 especies de peixes, invertebrados, algas e plantas acuáticas para a alimentación, que proporcionan unha importante inxestión diaria de proteínas a máis de 3.000 millóns de persoas. Este tipo de peixes ofrecen micronutrientes esenciais que reducen a malnutrición entre os grupos de risco, como a infancia e as mulleres, e diminúen o risco de enfermidades non transmisibles. As persoas interesadas en asistir poden preinscribirse a través desta ligazón á plataforma Zoom.

O ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos continuará en maio con outras dúas quendas: o xoves 23 celebrarase "Aplicacións da intelixencia artificial para o procesamento da linguaxe natural. Novas tendencias e desafíos actuais", impartida por Silvia García, integrante do Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo; e o día 30 Aurora Grandal, profesora titular de Paleontoloxía, ofrecerá a conferencia "De fósiles a humanos, unha historia de ida e volta". Ademais, o 6 de xuño rematará o ciclo con outras dúas charlas: "Os biomateriais no combate do cancro", a cargo de Bárbara Blanco, investigadora Ramón y Cajal na Universidade de Santiago, e "Células CAR-T: novo paradigma no tratamento do cancro", a cargo de Mariona Baliu, responsable do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia de Galaria.

Conferencias en centros educativos

O Ciclo Aida Fernández Ríos completa a súa programación con conferencias en centros educativos da provincia. Deste xeito, está previsto que o día 22 de maio ás 12:20 horas no IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña, Manuel Ceiro, profesor titular de Enxeñaría Telemática da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, afonde en "Ser ou non ser hacker e o dilema dos "sombreiros"" e o 13 de xuño, ás 11.30 horas no IES de Salvaterra, Vanessa Valdiglesias, profesora titular de Xenética e coordinadora do Grupo de Investigación en Nanotoxicoloxía e Toxicoloxía Xenética do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña, imparta unha conferencia sobre "O impacto das substancias cotiás no noso material xenético", que será impartida pola, Vanessa Valdiglesias.

Ademais, o bloque de charlas en centros educativos da provincia completarase con outra actividade centrada nos "Medicamentos personalizados" a cargo de Carmen Álvarez, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica e académica da Real Academia Galega de Ciencias e da Real Academia de Farmacia de Galicia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.