A Deputación celebra a inclusión dos xardíns da Estación Fitopatolóxica Areeiro na Ruta dos Xardíns da Camelia de Galicia

Trátase do segundo xardín da Deputación en formar parte deste percorrido promovido pola Xunta de Galicia, que xa incluía os do Castelo de Soutomaior

08/05/2024

Inclusión dos xardíns da Estación Fitopatolóxica Areeiro na Ruta dos Xardíns da Camelia de Galicia

Os xardíns da Estación Fitopatolóxica Areeiro, propiedade da Deputación de Pontevedra, convértense nun dos puntos incluídos dentro da Ruta dos Xardíns da Camelia de Galicia. Este mércores aprobouse a candidatura de Areeiro na reunión do Comité da Camelia de Galicia, constituído pola Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia en 2021 e do que forma parte a institución provincial, que regula este itinerario. Ao encontro, celebrado no Pazo de Fefiñáns de Cambados, asistiron os deputados responsables de Areeiro e Turismo Rías Baixas, Javier Tourís e Nava Castro, así como Carmen Salinero e Pilar Vela como persoal técnico da institución provincial.

Na xuntanza do comité Camelia de Galicia acordouse tamén crear unhas xornadas de portas abertas para coñecer as coleccións privadas de particulares durante o período de floración das camelias. No caso  concreto de Pontevedra, está previsto que o vindeiro mes comecen as negociacións cos propietarios para poñer en marcha tres rutas: unha polo sur da provincia, outra pola zona de Arousa e outra polo norte da provincia. As rutas terían lugar en novembro e en febreiro, aproveitando a floración dos diferentes exemplares de camelia existentes na provincia.

A Ruta dos Xardíns da Camelia é a única ruta turística existente en Europa que permite percorrer unha serie de xardíns públicos e privados cuxa característica principal é a de posuír a meirande colección e variedades de camelias de Europa. Os xardíns da Estación Fitopatolóxica Areeiro pasan a ser, deste xeito, os segundos xardíns propiedade da institución provincial que forman parte dela tralo Castelo de Soutomaior. Os outros espazos da provincia de Pontevedra incluídos son os pazos de Lourizán (Pontevedra, propiedade da institución provincial ata o pasado ano), de Oca (A Estrada), da Saleta (Meis), de Quinteiro da Cruz (Ribadumia), de Pegullal (Salceda de Caselas), de Quiñones de León (Vigo) e de Rubianes (Vilagarcía de Arousa) e mais o Parque do Castro (Vigo).

En Areeiro mantense e increméntase cada ano a colección viva de camelias da Deputación de Pontevedra, que conta con preto de 1.400 exemplares de 46 especies. Ademais, tamén se realizan prospeccións polos xardíns históricos de Galicia, tanto públicos como privados, para recuperar cultivares antigos de camelia, e programas de investigación en todos os campos relacionados coa camelia. Areeiro tamén forma parte do Grupo Internacional de Traballo de Conservación e de Identificación de Camelias Históricas da Sociedade Internacional da Camelia, que ten como obxectivo rexistrar, identificar e conservar os exemplares de camelia anteriores ao século XX de todo o mundo. Os xardíns de Areeiro pódense visitar durante todo o ano, todos os martes e xoves e dous sábados ao mes, grazas ao programa de visitas guiadas ao centro promovido pola Deputación, con solicitudes a través do seu sitio web.