Luis López defende o uso do galego como vehículo de unión, identificación e defensa de Galicia e da provincia no acto da Deputación polo Día das Letras Galegas

O vestíbulo do Pazo provincial foi escenario dun recital de poemas e textos de Luisa Villalta como homenaxe á autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas

16/05/2024

Luis López no hall da Deputación

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anima á veciñanza da provincia a falar galego e subliña a importancia de promover o uso da lingua galega como vehículo de unión e identificación con Galicia no acto de celebración do Día das Letras Galegas que tivo lugar este xoves no vestíbulo do Pazo provincial. “Falar galego non é unha maneira máis de comunicarnos. O galego é a alma da nosa terra, a voz que nos conecta cos nosos antepasados e as verbas que sustentan a nosa cultura”, declarou o mandatario provincial.

O acto institucional xirou arredor da figura de Luisa Villalta, autora á que se lle dedica este ano o Días das Letras Galegas. Deste xeito, o deputado de Cultura, Jorge Cubela, a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve; a académica e escritora Fina Casalderrey, a xefa do departamento de Lingua e Literatura do IES Sänchez Cantón de Pontevedra e a alumna deste instituto Agustina Ayelén Mallo; foron os encargados de honrar a memoria de Luísa Villalta a través da lectura dunha selección dos seus textos e peomas. A xornada completouse coa actuación musical do cuarteto de corda do CMUS Manuel Quiroga e a interpretación do himno galego.

Neste contexto, o presidente da Deputación recoñeceu o orgullo persoal que supón ser galego falante. “Eu, como moitos miles de veciñas e veciños, son galego falante”, confesou o dirixente. “De neno, na escola, na rúa ou na casa, falaba galego. Cando crecín, formei a familia e atopei traballo, seguín falando galego. E agora, que teño a honra de presidir esta Deputación, sigo falando galego. Seguirei falando galego sempre, porque é como o meu nome ou as miñas raíces: parte de min”, continuou Luis López, que recoñeceu tamén que “poucas cousas poden facerme sentir máis orgulloso de ser galego, pontevedrés e de Rodeiro, que falar na nosa lingua cos meus veciños ou escoitar ás novas xeracións falar en galego”.

“Manter viva a nosa lingua é manter viva Galicia e a nosa cultura”, subliñou o presidente, antes de citar algunhas das accións do goberno provincial pola defensa do galego e a normalización lingüística como a liña de axudas para realizar publicacións en galego ou a cooperación con entidades como a Real Academia Galega.

Luis López aproveitou a celebración do Día das Letras Galegas para anunciar un acordo de colaboración co colectivo Oral de Galicia para a realización de obradoiros de regueifa en centros educativos. Unha iniciativa que se levará ao comezos do vindeiro curso educativo e que consiste na realización de cen obradoiros nun total de 50 institutos da provincia para traballar, nun ambiente de respecto, igualdade e humor; conceptos poéticos como a rima ou a métrica a través da expresión oral e a improvisación.

“Deséxovos que desfrutedes deste Día das Letras Galegas e desta festa da Lingua, á que lle desexo, como Cunqueiro, mil primaveras máis”, concluíu o presidente Luis López a conmemoración desta xornada. 

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.