Luis López enxalza o modo de vida do rural no pregón da primeira edición da festa Sabor Labrego de Rodeiro

O presidente provincial volveu este domingo ao Concello no que foi alcalde durante dez anos para participar nesta primeira festa gastronómica que busca poñer en valor a excelente calidade da carne e do leite producidos neste municipio da comarca do Deza

19/05/2024

Luis López en Rodeiro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalzou este domingo os valores e costumes tradicionais do rural ao pronunciar o pregón da primeira edición da festa gastronómica “Sabor labrego”, que se celebrou en Rodeiro. O mandatario provincial e exalcalde durante dez deste concello da comarca do Deza recordou o aprendido durante a súa infancia e xuventude nestas terras, o duro e gratificante que é o labor dos labregos e as leccións recibidas neste Concello e que trata de aplicar en todas as facetas da súa vida.

A festa gastronómica “Sabor Labrego” celébrase este ano por primeira vez no Concello de Rodeiro co obxectivo de poñer en valor e promover as potencialidades do sector agrogandeiro deste municipio, que destaca pola súa excelente produción de leite e carne. Con esa meta, os organizadores programaron concursos de gando, unha exposición agroalimentaria, diferentes obradoiros e a primeira festa do Chuletón, con premios para os gandeiros das mellores vacas de carne e de leite. A cita contou ademais cun xantar popular no que todos os asistentes puideron comprobar a calidade da carne producida en Rodeiro. A celebración rematou cunha festa amenizada pola música da banda Boyanka Kostova e da orquestra Panorama.

“Este é o único lugar da provincia onde creo que podería saudarvos a todos polo voso nome e é dos poucos onde non teño que explicar por que son Lugués. Levo toda a semana pensando que vou dicir e sí me saían dúas cousas: grazas e viva Rodeiro. A partir de aí todo é unha declaración de orgullo a esta terra”, comezou Luis López o seu pregón. Un discurso no que enxalzou o estilo de vida labrego, unha forma de vivir que “sabe a sacrificio. Sabe a humildade con dignidade. Sabe a cercanía. Sabe a comunidade e sabe a raíces; e a min é o sabor que máis me gusta”, confesou.

Despois de recordar a súa infancia intentando axudar aos seus pais co gando ou co tractor, de lembrar cando, xa como alcalde, botaba unha man a algún veciño na leira; ou cando paseaba cos seus fillos polos camiños para inculcarlles ese amor polo rural, Luis López concluíu a súa intervención afirmando que “Rodeiro foi a miña escola, todos vós os meus compañeiros e esa lección téñoa ben aprendida”.  

 

Galerias de imagenes