Luisa Sánchez destaca a capacidade organizativa da provincia de Pontevedra para acoller grandes probas deportivas na presentación do A1 Galicia Open

O Salón de Plenos do Pazo provincial da Deputación foi o escenario da presentación desta “competición única” que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 24 e o 30 de xuño

15/05/2024

Luisa Sánchez na presentación do A1 Galicia Open

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, destacou a capacidade organizativa da provincia de Pontevedra para acoller grandes probas deportivas na presentación do A1 Galicia Open de Pádel. Esta “competición única”, como así a definiu Sánchez, celebrarase entre os día 24 e 30 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra e foi presentada no Salón de Plenos do Pazo provincial da Deputación nun acto que contou coa participación de David del Barrio, director deportivo, e Laura Silva, organizadora do torneo amateur Copa de Campeones Smilek. Na presentación da proba déronse cita directores deportivos, adestradores e integrantes do corpo técnico e directivo de diferentes clubs de pádel de Galicia.

A vicepresidenta provincial amosou o seu desexo de que “esta primeira edición do evento non sexa a única, senón que veña para quedarse e converterse nunha referencia no pádel internacional”. Neste eido, subliñou a capacidade organizativa da provincia de Pontevedra para acoller grandes probas deportivas como esta e manifestou a vontade da Deputación de converter “Pontevedra no grande escenario mundial de probas de alto nivel, porque non hai ningunha outra anfitrioa que a iguale”.

Luisa Sánchez tamén recalcou que o A1 Galicia Open de Pádel trátase dun evento amplo, non soamente deportivo, xa que ademais das probas deportivas contará cunha ampla programación que abrangue unha exposición internacional, un ciclo de conferencias no que se darán cita o DJ Jorge Cremades, a ex ximnasta olímpica Almudena Cid e o adestrador de tenis Tony Nadal, e concertos de grupos de música como Celtas Cortos, La Frontera e La Guardia. Deste xeito, a vicepresidenta remarcou que a oferta complementaria do torneo “atraerá a públicos máis amplos o que, sen dúbida, repercutirá enormemente no retorno que o A1 Galicia Open deixará ao seu paso pola provincia de Pontevedra”.

Galerias de imagenes