Luisa Sánchez participa na presentación da fase de ascenso do Balonmán Poio Artai á 1ª Nacional de Balonmán

06/05/2024

Presentación da fase de ascenso do Balonmán Poio Artai

 

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu á presentación da fase de ascenso do Balonmán Poio Artai á 1ª Nacional de Balonmán que se disputará a próxima fin de semana. No Pavillón da Seca, en Poio, a vicepresidenta desexou “toda a sorte do mundo” ao equipo, que leva “varias temporadas rozando o salto de categoría”, para sumarse así “ao bo momento que vive o deporte pontevedrés en todas as súas disciplinas e categorías, encadeando éxito tras éxito e recibindo grandes alegrías das nosas federacións e clubs”.

Luisa Sánchez afirmou que “o conxunto traballou moi duro para chegar ata aquí, e cónstame, por iso merece poder celebrar con honores este ascenso” xa que “temos todas as posibilidades” para logralo “e tamén o ansiado 10 por parte do corpo técnico”. A vicepresidenta provincial deulle os parabéns ao equipo “por unha temporada impecable” e garantiu “o apoio do goberno provincial no noso obxectivo compartido de levar o deporte pontevedrés ao máis alto do palmarés”. Ademais, Sánchez asegurou que “imos traballar duro para impulsar o balonmán e apoiar esta disciplina deportiva como nunca se fixo nesta administración”.