A deputada Sandra Bastos inaugura no Porriño a exposición “Pontevedra e América”

15/05/2024

Sandra Bastos inaugura a exposición Pontevedra e América

 

A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, inaugurou na Praza do Cristo do Porriño a exposición “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”. Trátase dunha mostra impulsada pola Deputación en colaboración coa Universidade de Santiago para poñer en valor a historia de 13 mulleres cuxo nexo de unión é a emigración e a relación entre Pontevedra e América. O acto de inauguración da exposición, que se poderá visitar na Praza do Cristo do Porriño ata o 15 de xuño, complementouse cunha conferencia na que María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana, Mª Xosé Rodríguez Galdo, catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, e María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo, renderán homenaxe ás mulleres que forman parte da mostra.

“Cando pensamos na emigración, esquecemos a aportación que fixeron as mulleres” remarcou a deputada de Igualdade quen subliñou o seu papel fundamental, “tanto cando saían como cando quedaban aquí, en Galicia”. Deste xeito a mostra recolle, tal e como recordou Sandra Bastos, a traxectoria de “mulleres que marcaron fitos na política, no social, na defensa da lingua ou na educación e, sen embargo, permanecen invisibles nos relatos históricos”.