Luisa Sánchez asiste á V Xornada de Actualización e Reciclaxe para Adestradores de Fútbol de Galicia que se celebrou na Cidade Infantil Príncipe Felipe

29/04/2024

V Xornada de Actualización e Reciclaxe para Adestradores de Fútbol de Galicia

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este luns na Cidade Infantil Príncipe Felipe á apertura da V Xornada de Actualización e Reciclaxe para Adestradores de Fútbol que organizou a Federación Galega de Fútbol nas instalacións provinciais. A vicepresidenta puxo o foco na importancia da xornada, cuxas horas de formación resultarán cruciais para que os adestradores poidan renovar as súas licenzas de cara á temporada 2025/2026.

Luisa Sánchez destacou que a xornada trátase “dunha grande oportunidade para que os adestradores poidan exercer coa máxima seriedade e as máximas garantías” e fixo alusión aos convidados especiais do encontro, José Mari Bakero, Jon Mikel Arrieta, Santi Denia e Francisco Rodríguez, “auténticas lendas do fútbol e grandes referentes para as súas carreiras”. A vicepresidenta da Deputación asegurou que “Pontevedra convértese no epicentro do fútbol galego e deste xeito avanzamos nun dos grandes retos e obxectivos da nosa folla de ruta: queremos ser o maior escaparate do deporte mundial, acoller grandes concentracións e competicións de alto nivel” para “consolidar o poder de atracción da provincia”. Isto, valorou, será posible “porque contamos con grandes profesionais e federacións realmente implicadas co desenvolvemento do deporte”.

Galerias de imagenes