A Deputación de Pontevedra conmemorará o 80 aniversario da publicación de Sempre en Galiza cunha xornada da Fundación Castelao no Museo de Pontevedra

Celebrarase na tarde do 28 de maio no Edifico Castelao, abordando diferentes aspectos da edición e o impacto deste clásico do galeguismo

12/05/2024

En marzo de 1944 publicouse en Bos Aires o ensaio Sempre en Galiza, obra de referencia do pensamento político de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A Deputación de Pontevedra conmemorará o 80 aniversario desta publicación cunha xornada da Fundación Castelao no Museo de Pontevedra. Será o 28 de maio, de 16:00 a 20:30 h no Edificio Castelao do Museo, que colabora na organización xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A xornada está dirixida por Miguel Anxo Seixas Seoane, da Fundación Castelao.

Castelao viña elaborando Sempre en Galiza desde 1934, pero non veu a luz ata dez anos despois, cando o intelectual galeguista estaba xa exiliado en Arxentina. O manuscrito orixinal desta obra de referencia consérvase no Museo de Pontevedra, así como as sucesivas edicións realizadas en Bos Aires, Madrid e Vigo. Por iso, e ao cumprirse o 80 aniversario da súa edición, promóvese esta xornada no mesmo lugar no que se conserva o manuscrito deste clásico do galeguismo para afondar no seu estudo e valoración.

A xornada comezará cunha conferencia a cargo da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, que falará do retorno da obra de Castelao a Pontevedra. Xosé Manuel Dasilva, catedrático do departamento de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, impartirá o relatorio "As edicións, as prohibicións e as censuras de Sempre en Galiza". A terceira conferencia da tarde será a cargo de Natalia Crecente García, da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, que falará do papel de Castelao na construción dunha tipografía galega. Pechará as intervencións Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, coa conferencia "De non sempre en Galiza a Sempre en Galiza".

A xornada seguirá cunha mesa redonda que xuntará aos relatores das catro conferencias, moderada por Diana Santiago Iglesias, secretaria da Fundación Castelao. Para pechar o evento, o público asistente poderá participar nunha visita á exposición permanente de Castelao e a exposición temporal "Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías", conducida por Xosé Enrique Acuña, comisario da mostra, e Xan Carballa, autor das fotografías.

Enlaces de interés