A Deputación pon en valor o tecido asociativo do terceiro sector da provincia cunha nova guía dixital que reúne xa a un centenar de entidades sociais

A institución ofrece á cidadanía e aos concellos esta base de datos para facilitar o acceso a estes recursos e promover sinerxías e espazos de encontro entre os colectivos

20/06/2023

Guía de  Entidades de Iniciativa Social da Provincia de Pontevedra

A Deputación pon a disposición da cidadanía e dos concellos a Guía de Entidades de Iniciativa Social da Provincia de Pontevedra, unha nova ferramenta dixital coa que pon en valor o traballo do tecido asociativo da provincia que traballa con programas dirixidos á poboación máis vulnerable para incorporalo aos procesos de intervención en, para e coa comunidade.

Este instrumento, (ao que se accede na ligazón https://www.depo.gal/guia-de-entidades-de-iniciativa-social), reúne a información sobre preto de 100 entidades da provincia, nas que se poden consultar, entre outras cuestións, datos de contacto, obxectivos, actividades, programas que levan a cabo ou centros de traballo. Trátase dun recurso dinámico e flexible, xa que está aberto a novas incorporacións de entidades que o soliciten e á actualización dos datos que nel figuran. Aquelas entidades de iniciativa social inscritas no RUEPS que desexen figurar na guía teñen que enviar un correo a cohesionsocialexuventude@depo.es indicando o nome oficial da entidade,  a localización, o teléfono e correo electrónico de contacto, horario de atención así como os obxectivos da entidade e as actividades ou servizos que desenvolve.

A guía ofrece ligazóns directas ás entidades de iniciativa social e tamén as distribúe segundo a súa actividade nos epígrafes de Comunidade, Diversidade Funcional, Familia e Infancia, Inclusión e Maiores. Para facilitar o seu uso, contémplanse múltiples posibilidades de busca (por área de traballo, concello ou palabras clave). A ferramenta está dirixida á poboación en xeral, así como ás propias entidades, para crear sinerxías e espazos de encontro. Deste xeito, todas as asociacións poden coñecer en tempo real os recursos e servizos doutras entidades coas que poden complementar a súa acción diaria.  Amais, supón unha ferramenta de gran utilidade para os concellos á hora de procurar en tan só un clic os servizos de apoio dispoñibles na provincia a distintas casuísticas nas que opera o terceiro sector, desde a diversidade funcional á atención das mulleres en risco de exclusión ou a dependencia.