Oito mulleres de Forcarei reflexionan sobre as distintas formas de machismo nunha acción de “Violencia Zero” dinamizada por Atenea García

O programa da Deputación creou un espazo de encontro no que as mulleres compartiron as súas experiencias como se facía hai décadas nas lareiras ou lavadoiros

22/02/2022

Violencia Zero

O salón de actos do Concello de Forcarei converteuse esta tarde nun lugar de encontro no que oito mulleres chegadas de distintas parroquias do municipio fixeron aflorar algunhas das súas vivencias da man da artista Atenea García. Esta xuntanza, á que a creadora titulou “Mudar”,  enmarcouse no programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero” e foi a culminación de dous obradoiros previos nos que García traballou con estas mulleres recuperando experiencias vividas por elas mesmas, que puxeron sobre a mesa o feito de que a violencia machista está en todos os ámbitos da vida. As historias que narraron atraparon ao público da sala, entre o que se atopaban a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, e a concelleira Ana Doval.

As mulleres participantes, de entre 50 e 85 anos, atoparon puntos de conexión nas súas vivencias e crearon un espazo de coidado no que saíron á luz historias como o desconcerto ante a primeira menstruación pola falta de información, unha situación que evidencia o velo co que se cubría hai décadas a sexualidade feminina. Tamén lembraron historias de aparicións ou persoas falecidas, relatos habituais na tradición oral. Facendo un círculo estas oito mulleres de Forcarei contaron as súas vivencias nun encontro no que elas foron as protagonistas e que estivo dinamizado en todo momento por Atenea García. Deste xeito, as persoas que conformaban o público da acción foron meras/os espectadores dunha peza que reflexionou na perspectiva das mulleres dentro da memoria colectiva e en todo aquelo que hai de presente no pasado e de pasado no presente.

Atenea García elixiu a mulleres do rural para levar a cabo esta peza porque foi alí onde a oralidade tivo máis presencia en encontros coma este, nas lareiras ou nos lavadoiros, en definitiva, en sitios moi feminizados. Nestes lugares as mulleres contábanse historias como “A Loureiriña” ou “A maldición do sangue”, propias da tradición oral de Forcarei, e que a artista recuperou xunto a outros relatos.

Tras as actuacións en Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda e Meaño esta foi a sexta acción da sétima edición de “Violencia Zero” coa que a Deputación de Pontevedra continuará a expandir a loita feminista noutros dezanove concellos da provincia baixo o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. Así, o programa continuará visibilizando o talento das mulleres neste 2022 con propostas musicais, de teatro, danza, poesía, performance e outras iniciativas artístico-culturais en Oia, Agolada, Caldas, Moaña, A Lama, A Guarda, Fornelos, As Neves, Redondela, Salceda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 11 resultados.