O programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia zero” chega este xoves ao Pazo de Mos con “Comando comadres en acción”

Chelo do Rejo, Ángeles Iglesias e Anabell Gago de “Matrioshka Teatro” protagonizan o espectáculo, que a través do humor ataca as múltiples manifestacións da violencia machista

26/04/2023

Mulleres en acción. Violencia cero no Pazo de Mos

O programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero” chega este xoves a Mos, coa peza da compañía Matrioshka Teatro “Comando comadres en acción”, que a través do humor ataca as múltiples manifestacións da violencia machista e cuestiona a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual. As actrices Chelo do Rejo, Ángeles Iglesias e Anabell Gago protagonizan esta nova acción para concienciar desde a arte contra as violencias machistas ás 20 horas no Pazo de Mos, coa asistencia da deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, e a entrada é libre ata completar aforo.

“Comando comadres en acción” é un espectáculo a partir da obra “Comando comadres”, dirixido e cocreado por Gena Baamonde xunto á actriz e cocreadora Ángeles Iglesias. En clave de humor, amosa a un grupo de mulleres “preparadas para as encomendas máis perigosas” que levan a cabo incursións no “territorio inimigo” para poñer luz sobre a inxustiza, e volver airosas da súa misión: crear unha rede de comandos a nivel mundial para render homenaxe a todas as heroínas de a diario, ás mulleres invisibilizadas e á historia oculta do pasado das mulleres.

A compañía Matrioshka naceu no ano 2013 para facer “un teatro no que as intérpretes estean no centro da creación”. Aposta por linguaxes mesturadas que transitan entre o teatro máis clásico e o contemporáneo, con dramaturxias a pé de escena sen deixar de lado unha estética coidada, o sentido do humor e a naturalidade dun diálogo aberto co público. “Facemos un teatro que amosa de onde vimos, e nos orienta cara onde vamos –sinalan desde o grupo-. Alimentámonos da nosa experiencia e do legado das xeracións que foron antes ca nós, repousamos o vivido, e compartímolo coas persoas que coma nós, pensamos nas que estamos e nas que virán. Mulleres que loitan e acubillan, igual ca nós fomos defendidas e acubilladas por outras”.