A Deputación de Pontevedra destina 150.000 € para 15 festivais musicais e de artes escénicas da provincia

Esta liña de subvencións, por concorrencia competitiva, vai beneficiar a eventos que se desenvolverán ao longo do ano en Cambados, Cangas, Cuntis, A Estrada, Poio, Ponteareas, Redondela, Salvaterra de Miño, Tui e Vigo

14/06/2022

No marco da aposta por fomentar e promover a cultura galega nas súas múltiples e variadas expresións artísticas, así como cumprir co compromiso de achegar a cultura a todo o territorio, o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará esta semana destinar 150.000 € a 15 festivais musicais e de artes escénicas da provincia. Esta liña de subvencións, por concorrencia competitiva, beneficiará a eventos que se desenvolverán ao longo do 2022 en Cambados, Cangas, Cuntis, A Estrada, Poio, Ponteareas, Redondela, Salvaterra de Miño, Tui e Vigo.

"Estes festivais -subliñou a presidenta Carmela Silva- son elementos clave da creatividade artística e da dinamización cultural da provincia, promovidos ademais por entidades sen ánimo de lucro que dedican unha especial atención á programación e difusión da música e do teatro galegos". Así recibirán estas axudas da Deputación, que oscilan entre os 3.510 € e os 20.309 €, o XXII Festival Xironsa de Cambados; a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo, o XI Kanekas Metal Fest e a XXI Fest Folk de Vilariño de Cangas; o Festival Revolta do Umia de Cuntis; o Festival As Nosas Músicas da Estrada; o Festival Armadiña Rock de Poio; o Festival Rock in Río Tea de Ponteareas; o X Festival IKFEM da Eurocidade Tui-Valença; o XV Festival Alternativo Millo Verde e o XXIII Festival Internacional de Títeres de Redondela; o XXXIV Festival de Poesía no Condado de Salvaterra; e o Festival Vertixe 10, o XXIX Revoltallo de Música e Cultura Emerxente e The Wild 2022 que teñen lugar en Vigo.

Todos os festivais musicais e de artes escénicas beneficiados das achegas da Deputación teñen unha duración mínima de dúas xornadas, contan coa participación de máis de oito grupos ou compañías participantes, levan celebrándose tres edicións consecutivas nos catro últimos anos, inclúen programación de actividades paralelas para poñer en valor o sector musical ou teatral galego e empregan a lingua galega no seu desenvolvemento e na súa difusión.