A Deputación revalida o seu apoio ao Festival de Cans, integrado nos Rías Baixas Film Fest, que presenta unha XIX edición chea de talento feminino

O Torreiro de Cans foi unha vez máis escenario da presentación do certame que arranca o día 18 cunha programación moi marcada pola presenza de mulleres referentes

03/05/2022

A Deputación revalida o seu apoio ao Festival de Cans  

O Torreiro das Estrelas vén de acoller o tiro de saída á décimo novena edición do Festival de Cans, un dos oito Rías Baixas Film Fest, a marca provincial de festivais do audiovisual, que neste 2022 volve ao mes de maio recuperando o seu calendario habitual. A deputada de Cultura, Victoria Alonso, representou á Deputación de Pontevedra na presentación do certame, que terá lugar entre o 18 e 21 deste mes, onde enxalzou a "completa" programación do evento, considerado o acontecemento cultural mellor valorado de Galicia, e puxo en valor o seu carácter inclusivo e a perspectiva de xénero.

O Festival de Cans volverá a ser así unha cita multitudinaria, alternativa, divertida e senlleira da cultura galega, que transforma a parroquia do Porriño para encher os seus espazos de cultura. Este ano participan máis de 200 curtas, clips, obras, longametraxes e documentais do panorama galego, estatal e internacional. Completa a oferta audiovisual un amplo programa de música en directo e na rúa, performances, desfiles de chimpíns e mesmo actividades de sendeirismo que encherán Cans de vida.

Ademais da completa programación que asegura unha edición de éxito, as mulleres terán un papel especial xa que dez das doce curtas da categoría "Furacáns" son dirixidas por mulleres, que Margarita Ledo recibirá o Premio Pedigree de Honra polo "seu inxente traballo", que as mulleres feirantes da aldea serán protagonistas do proxecto "Cans 303" e que outra muller, a DJ EME DJ, presentará o documental que protagoniza, "Miedo al miedo", durante o festival.

O Festival de Cans é unha das oito citas audiovisuais dos Rías Baixas Film Fest que promove a Deputación dende o 2020 para converter á provincia nun grande lugar de referencia audiovisual. Trátanse de eventos que ocupan espazos en todo o territorio da provincia e achegan a cultura a todas as vilas e veciñanza da provincia. Amais, este ano a Deputación vai dar un paso cara adiante en canto á promoción, apostando pola súa internacionalización a través dun encontro entre os certames audiovisuais da provincia e de Portugal, xerando relacións e sumando sinerxías co país veciño.

Galerias de imagenes