Deputación e Universidade de Vigo analizan como mellorar o ensino sobre a situación sociolingüística do galego nos institutos

Ambas entidades asinaron un convenio polo que se realizarán unhas xornadas sobre ‘Lingua e Sociedade’ e se producirá material de apoio para ESO e Bacharelato

03/05/2022

Deputación e Universidade de Vigo analizan como mellorar o ensino sobre a situación sociolingüística do galego nos institutos  

Mellorar o ensino sobre a situación sociolingüística do galego, falar da diversidade lingüística e do multilingüismo no país, e que o alumnado dos institutos comprenda as dinámicas das linguas na Galiza como chave para garantir o futuro do idioma propio. Ese é o obxectivo do convenio asinado entre a Deputación e a Universidade de Vigo, un acordo que permitirá que unha equipa de traballo analice as necesidades, carencias e expectativas do profesorado de Lingua Galega para facilitar ferramentas docentes.

A deputada de Lingua María Ortega, quen realizou a sinatura protocolaria do convenio co vicerreitor Jorge Soto en nome do reitor Manuel Joaquín Reigosa, subliñou que a Deputación sempre apoiará proxectos de investigación sobre a diagnose da lingua e a definición de estratexias para recuperala, como xa fixo en anteriores exercicios de lado da UVigo. "Aí estaremos sempre apoiando", insistiu. Por parte da Universidade, será a Área de Normalización Lingüística quen leve adiante o proxecto. Este deberá estar rematado antes de decembro, contará con catro persoas investigadoras, e cun orzamento de 17.000 euros financiados polo organismo provincial.

O interese de facer unha análise sobre a situación da aprendizaxe e a docencia da situación do galego na sociedade débese a que supón boa parte do temario na materia 'Lingua galega e Literatura', ocupando un dos cinco bloques fundamentais de coñecemento nos contidos curriculares.

Este bloque, denominado 'Lingua e sociedade', ten presenza ao longo de todo o ensino secundario e o bacharelato para o alumnado, a diferenza do que acontece no currículo de 'Lingua castelá e Literatura'. Sen embargo nas titulacións que posibilitan o acceso aos postos para exercer a función docente en 'Lingua galega e Literatura' son contidos que non sempre ocupan un lugar central, habendo escasos materiais específicos para o ensino obrigatorio.

Os seus contidos céntranse, en boa medida, na lingua galega e na súa situación sociolingüística, mais tamén na diversidade lingüística en xeral e na comprensión e valoración do multilingüismo como feito. A especificidade destes contidos é central para a comprensión das dinámicas das linguas en Galicia e supón un dos alicerces da formación sociolingüística do alumnado galego.

O proxecto de análise do material que se bota en falta nas aulas e se desexaría fortalecer pola parte da comunidade docente no deseño curricular constitúe un paso máis da campaña «En Galego! Investigación e divulgación científica» da Universidade de Vigo.

Como punto final ao traballo de investigación da UVigo está prevista a organización das xornadas 'Lingua e sociedade no ensino secundario' co obxectivo de promover o debate, a reflexión e a circulación de novas ideas arredor da situación social da lingua galega no momento actual, alén de presentar os principais resultados acadados. Tamén se prevé realizar material sociolingüístico de divulgación para utilizar nas aulas.