O workshop “Hackeando o patriarcado”, que promoven a UVigo e a Deputación, volve o 2 de novembro centrado na misoxinia dixital

É a cuarta edición do evento, enmarcado na Cátedra de Feminismos 4.0, e contará con mulleres referentes en xénero, socioloxía e antropoloxía social e cultural

18/10/2022

CUARTA EDICIÓN HACKEANDO O PATRIARCADO

A Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, celebrará os días 2 e 3 de novembro a cuarta edición do workshop “Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado”, que combinará o formato presencial co virtual. Co lema “Novos aparatos ideolóxicos: o patriarcado de vixilancia”, o workshop vai afondar este ano nas novas estratexias ideolóxicas patriarcais para perpetuarse a través da misoxinia dixital organizada: a chamada manosfera, machoesfera ou manhood, que está a actuar como un novo aparato ideolóxico do patriarcado.

A primeira das xornadas terá lugar o mércores 2 de novembro no edificio de Redeiras da Universidade de Vigo e arrancará cun acto de apertura, ás 10.00 horas, no que participarán Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Manuel Joaquín Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo. A continuación, desenvolveranse diversas intervencións e unha mesa redonda, nas que se darán cita mulleres referentes nos ámbitos do xénero, a socioloxía ou a antropoloxía social e cultural como Remedios Zafra, Premio Anagrama de Ensaio 2017 e Premio Internacional Ensaio Jovellanos 2022; Mónica Alario, autora de Política sexual da pornografía. Sexo, desigualdade, violencia da Editorial Cátedra; Elisa García, profesora axudanta doutora no Departamento de Socioloxía da Universidad Complutense de Madrid; Elena Alfageme, historiadora e antropóloga feminista, responsable de xénero de InteRed; María Teresa Piñeiro, profesora do Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña; e Alba Alonso, autora do blog Realkiddys e diversos libros. Todas elas afondarán sobre o patriarcado e o capitalismo dixital, a pornografía online, a manosfera española, a construción do pensamento crítico, as violencias dixitais e o machismo nas plataformas, entre outras cuestións.

O xoves 3 de novembro, en sesión de tarde e en formato exclusivamente presencial na Facultade de Comercio da Universidade de Vigo, terá lugar o obradoiro “Reescribe o código. Obradoiro de educación en ciberactivismo feminista” impartido por 7H Cooperativa Cultural. A primeira parte estará dedicada a realizar un pequeno estudo polas orixes e evolución do ciberfeminismo. A continuación, poñeranse en práctica as diversas posibilidades que ofrecen  as ferramentas de comunicación visuais para crear recursos creativos propios e subverter a violencia simbólica do patriarcado na esfera dixital.

As persoas interesadas en asistir de xeito presencial á primeira xornada do workshop, o día 2 de novembro, deberán desprazarse directamente ata o edificio de Redeiras da Universidade de Vigo, xa que non é preciso realizar inscrición previa. Tamén é posible seguir o seminario vía streaming a través da Canle Directo 1 da UVigo Tv. No caso das que desexen asistir ao obradoiro do 3 de novembro deberán inscribirse previamente en https://bit.ly/InscricionObradoiroWorkshop2022.

A Deputación de Pontevedra, xunto coa Universidade de Vigo, teñen como obxectivo, a través da Cátedra de Feminismos 4.0, promover a igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información. En concreto, a promoción e o impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos do coñecemento, dando prioridade aos estudos sobre a dixitalización actual da sociedade e o ámbito das STEM (siglas en inglés de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), onde as mulleres están infrarrepresentadas e resulta un espazo cada vez máis relevante nas sociedades do futuro.

Ligazóns de interese