Luis López aposta polo relanzamento do programa “Trazas de Pontevedra” para facer dos castros da provincia unha referencia e que o turismo “vaia a máis”

O presidente da Deputación de Pontevedra presenta no concello da Guarda a nova páxina web deste plan de posta en valor do patrimonio galaico-romano da provincia, con contidos didácticos, culturais e turísticos actualizados

25/10/2023

LUIS LÓPEZ DESTACA RELANZAMENTO PROGRAMA TRAZAS PONTEVEDRA FACER CASTROS PROVINCIA REFERENCIA TURISMO VAIA MÁIS

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o novo impulso ao programa “Trazas de Pontevedra” para facer dos castros e do patrimonio galaico-romano un potente atractivo para todo o conxunto da provincia. O mandatario provincial subliñou o compromiso do seu Goberno coa execución do protocolo subscrito en 2015 co Ministerio de Fomento para poñer en valor estes xacementos no acto de presentación da nova e completa web  do programa “Trazas de Pontevedra”, que tivo lugar este mércores no concello da Guarda.

“En marzo de 2015, a Deputación e o Ministerio de Fomento asinaron un protocolo para poñer en valor os castros da nosa provincia. Aínda que se fixeron algunhas actuacións, cremos que o programa pode ter un percorrido moito más amplo. Nin o Ministerio nin o anterior Goberno provincial lle sacaron todo o partido a un programa que aposta por diversificar a nosa oferta turística. A Deputación fará todo o que estea na súa man para dar a visibilidade e os coidados que os nosos castros merecen”, afirmou o presidente.

Unha das competencias da Deputación neste convenio de colaboración entre as dúas administracións era a da promoción do patrimonio; unha misión que se cumpre coa estrea da nova páxina web deste programa (https://www.trazas.turismoriasbaixas.com/web/trazas/inicio); unha páxina que recolle, dun xeito moi accesible e visual, todos os contidos relacionados co patrimonio castrexo da provincia de Pontevedra. A golpe de clic, as e os usuarios poderán coñecer cales son os xacementos da provincia, onde están, cal é a súa historia, a súa extensión, información sobre os achados nas escavacións e infinidade de material didáctico sobre este patrimonio histórico.

Ademais da importancia divulgativa destes xacementos, Luis López e o seu equipo de Goberno teñen o convencemento de que os castros repartidos por todo o territorio supoñen  un importante pulo de atracción de turismo. “Poñer no noso mapa turístico os castros que temos espallados pola nosa  provincia é moi importante porque nos permite ofrecer un produto cultural de calidade, unha alternativa atractiva para un turismo relacionado coa historia, coa natureza e coa arqueoloxía; unha experiencia dispoñible os 365 días do ano e unha oferta capaz de captar un perfil de turista internacional especializado no patrimonio cultural”, sinalou o rexedor provincial, e puxo o foco en situar a provincia como un destino referente “para un turismo que crece en Europa, como son os itinerarios culturais, como, por exemplo, a Ruta dos Fenicios”.

Este programa serve tamén para diversificar, desestacionalizar e potenciar o turismo nas Rías Baixas e no conxunto da provincia. “Estamos orgullosos de ser coñecidos polas nosas praias ou pola nosa gastronomía e os nosos viños, pero temos máis. Cando dicimos que Pontevedra é gozar, dicimos que Pontevedra é gozar das catro estacións do ano, do termalismo, da nosa natureza e paisaxe, do Camiño e, como non, gozar deste patrimonio histórico incomparable que son os nosos castros. Apostar por eles é apostar por ir a máis. É apostar por gozar”, remarcou Luis López.

Acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro; polo alcalde da Guarda e deputado de Cooperación Transfroiteiriza, Roberto Carrera, e polo arqueólogo da Deputación, Rafa Rodríguez, o dirixente provincial aproveitou tamén para avanzar a intención do seu Goberno de executar unha segunda intervención de rehabilitación e posta en valor de novos xacementos. Unha intervención proxectada polo Ministerio do Goberno, pero cuxo plan haberá que estudar porque carece do visto e prace de Patrimonio da Xunta. “Este Goberno aposta polo turismo cultural, pola promoción da nosa riqueza patrimonial; pero sempre cunha liña vermella, o respecto e a conservación da natureza e do noso territorio”, puntualizou López.

Rematou o presidente da Deputación reafirmando o compromiso deste organismo en dar cumprimento ao protocolo asinado no ano 2015. Un convenio deseñado para “garantir a limpeza e mantemento dos xacementos galaico-romanos, mellorar a súa sinalización, contribuír á súa promoción, levar a cabo novas escavacións, converter os castros en museos ao aire libre, facelos accesibles e dixitalizar a súa riqueza para poder acceder a ela desde calquera dispositivo en calquera  recuncho do mundo.

O impulso dun turismo sustentable e desestacionalizado é un dos piares da acción de goberno da Deputación de Pontevedra, que ten o firme convencemento de dar un novo impulso e aproveitar todas as utilidades deste protocolo, que estaba sen explotar desde o ano 2015. “Cumprir con este protocolo é facer que a provincia vaia a máis”, concluíu Luis López.

 

Galerias de imagenes