A Deputación avanza na modernización do Servizo de Teleasistencia, que atende na actualidade a case 700 persoas de 46 concellos da provincia

A institución provincial adxudica a prestación do servizo, que pode ampliarse ata as 1.000 persoas usuarias e cuxo novo contrato pon o foco na mellora da tecnoloxía e cobertura para garantir que as persoas usuarias poidan permanecer na súa contorna  

18/03/2022

A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar o novo contrato do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria, que presta na actualidade en 46 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cos que existe convenio. Este novo contrato pon o foco en seguir a modernizar a tecnoloxía do servizo, a fin de amplialo e facelo máis avanzado na súa cobertura para dar maior tranquilidade ás persoas usuarias e permitir deste xeito que poidan permanecer na súa contorna. O investimento para o servizo acada preto de 600.000 euros por dous anos iniciais e que pode dar cobertura ata a 1.000 persoas usuarias.

A Teleasistencia Domiciliaria é un servizo preventivo de axuda ás persoas que viven soas ou pasan grande parte do día en soidade; persoas con idade avanzada, diversidade funcional, illamento social, enfermidade, ou situación de risco psicosocial ou físico, que precisan atención continuada. Con esta prestación, poden continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade xa que con só  pulsar un botón dáse resposta inmediata ás situacións de emerxencia no fogar, 24 horas ao día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ás situacións de emerxencia. 

O novo contrato do servizo traerá consigo melloras nas prestacións, entre elas o aumento do número de dispositivos periféricos para alertar de situacións de risco para as persoas usuarias, como son os detectores de monóxido de carbono,  de gas, detectores de caída mediante sensores, de mobilidade, UCR (Unidades de Control Remoto) con maior superficie para facilitar o uso a persoas con artrose, sensores de inundación, de temperatura, alarma de porta ou dispensadores de medicación, que veñen completar un servizo básico para as persoas maiores e/ou con diversidade funcional na provincia. Estes dispositivos van conectados ao terminal e envían aviso á central de maneira inmediata o que fai posible o envío de recursos da maneira máis rápida posible. 

Amais, o servizo continuará coa adaptación ás novas necesidades das persoas usuarias con motivo da Covid, con especial énfase nas situacións que requiren un máis estreito seguimento e unhas medidas de seguridade e sanitarias adicionais. Inclúense dende os protocolos de entrada dos e das técnicos e traballadoras e traballadores sociais ao domicilio, uso de Epis, ou o procedemento de solicitude, que se axilizou cos concellos para paliar dificultade que teñen as persoas usuarias para conseguir informes médicos pola pandemia. Mellorarase así mesmo o proceso de seguimento das persoas confinadas ou con Covid, para paliar situacións de angustia e inseguridade, e tamén se organizará a entrega de alimentos e medicación, en coordinación cos Servizos Sociais Comunitarios Municipais.

Aínda que o servizo pode cubrir ata 1.000 persoas usuarias, na actualidade son 668, a grande maioría mulleres e que viven soas e no rural. Este servizo permite que as persoas estean seguras, conectadas aos seus familiares e aos recursos sociais e asistenciais do seu contorno, e a Deputación busca potenciar a utilización deste servizo como fórmula para evitar institucionalizacións innecesarias, de xeito que as persoas maiores permanezan o maior tempo posible na súa contorna. Para os casos de especial vulnerabilidade o servizo dispón dunhas UCR (unidades de control remoto) con detector de movemento, que envían unha alarma no caso de que non detecte movemento do usuario en 12 horas. O servizo implantou así mesmo un programa de prevención de suicidios para detectar situacións que requiran unha intervención rápida con profesionais especializados.