A Deputación poñerá en marcha nos próximos meses +Renovables, unha oficina de transformación comunitaria para apoiar as comunidades enerxéticas da provincia

A deputada María Ramallo e o deputado Javier Tourís reuníronse con persoal técnico para coñecer os avances desta iniciativa financiada con fondos NextGenerationEU, que terá a súa sede física no Viveiro de Empresas de Barro

06/03/2024

A deputada María Ramallo e o deputado Javier Tourís

A Deputación de Pontevedra avanza na posta en marcha, nos próximos meses, de +Renovables, a oficina de transformación comunitaria para apoiar as comunidades enerxéticas da provincia. A deputada María Ramallo e o deputado Javier Tourís acaban de reunirse con persoal técnico para coñecer os avances desta iniciativa financiada con fondos NextGenerationEU, que terá a súa sede física nas instalacións da Deputación no polígono de Barro.

No encontro, os deputados provinciais afondaron nas accións que +Renovables poñerá en marcha durante os vindeiros meses, entre as que destacan a incorporación de novos perfís de persoal técnico, o traslado dos servizos técnicos de asesoramento ás instalacións da Deputación en Barro, a primeira xornada sobre comunidades enerxéticas ou o lanzamento de diferentes procedementos de contratación asociados á execución do proxecto.

+Renovables conta cun orzamento de preto de 750.000 euros, dos que a Unión Europea achega 500.000 a través dos fondos NextGenerationEU, e iniciou a súa andadura en novembro coa finalidade de impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia; o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, será a súa prioridade. Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento e asesoramento, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial e diversas iniciativas de formación e investigación.

No que respecta á difusión, está previsto que se realicen charlas nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes para dar a coñecer os servizos de +Renovables e a figura das comunidades enerxéticas, así como dúas xornadas anuais (unha este ano e outra en 2025) para expoñer casos de éxito e as súas problemáticas e oportunidades. Ademais, organizarase de cara ao vindeiro ano un congreso provincial para poñer en común a experiencia obtida polas comunidades enerxéticas creadas e para analizar desenvolvementos futuros.

+Renovables tamén realizará o acompañamento daquelas entidades interesadas en crear unha destas comunidades. Deste xeito, e unha vez formalizada a solicitude, realizarase un completo asesoramento tanto na fase de constitución coma na de desenvolvemento e explotación do proxecto. Axudaráselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para darlles cobertura ás e aos participantes, e tamén se prestará asesoramento en materia económica sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais, levaranse a cabo estudos e informes previos e iniciais de cara á implantación de comunidades enerxéticas, desde estudos de análise da capacidade produtiva de enerxía ata económico-financeiros, para analizar a viabilidade financeira dos proxectos, ou informes legais e xurídicos.

O proxecto contempla tamén a posta en marcha dunha rede de comunidades enerxéticas da provincia de Pontevedra e o observatorio provincial dese ámbito, que recollerá datos dos proxectos para elaborar un inventario que permita calcular o aforro enerxético, así como a redución da dependencia enerxética do exterior e o descenso nas emisións de gases de efecto invernadoiro. Igualmente, desde +Renovables impartirase formación dirixida, inicialmente, a todo o persoal das entidades locais e comunidades enerxéticas, para que este sexa capaz de xestionar e levar a bo porto os seus proxectos de produción e consumo de enerxía. Tamén contempla desenvolver actividades de formación en función das necesidades que vaian xurdindo entre as diferentes persoas implicadas na xestión destas comunidades.