A Deputación avanza na creación de +Renovables, a oficina de transformación comunitaria para apoiar as comunidades enerxéticas da provincia

A institución está a dar os primeiros pasos para poñer en funcionamento a oficina, coa súa sede física no viveiro de Empresas da Deputación en Barro

06/02/2024

A Deputación de Pontevedra está a avanzar na creación de +Renovables, a oficina de transformación comunitaria para apoiar as comunidades enerxéticas da provincia. Instalarase, de xeito piloto ata o 30 de setembro de 2025, no viveiro de empresas da Deputación en Barro e conta cun orzamento de preto de 750.000 euros, dos que a Unión Europea achega 500.000 euros a través dos fondos NextGenerationEU.

O principal obxectivo desta oficina, que ademais da sede de Barro contará con oficinas itinerantes, é fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, de forma prioritaria no medio rural, nos concellos de reto demográfico. Para conseguilo, no proxecto contémplanse actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial e diferentes iniciativas de formación e investigación.

No que respecta á difusión, está prevista a realización de charlas nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes para dar a coñecer os servizos de +Renovables e a figura das comunidades enerxéticas, así como de dúas xornadas anuais (unha este ano e outra en 2025) para expoñer casos de éxito, problemáticas e oportunidades arredor das comunidades enerxéticas. Ademais, de cara ao vindeiro ano, organizarase un congreso provincial para poñer en común a experiencia obtida polas comunidades enerxéticas creadas e a analizar desenvolvementos futuros.

+Renovables tamén realizará acompañamento daquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética. Deste xeito, e unha vez formalizada a solicitude, realizarase un completo asesoramento tanto na fase de constitución das comunidades enerxéticas coma na de desenvolvemento do proxecto e na de explotación. Axudaráselles a deseñar un proxecto de xeración, térmico ou eléctrico, para darlles cobertura ás e aos participantes na comunidade enerxética e prestaráselles asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais, realizaranse estudos e informes previos e iniciais de cara á implantación de comunidades enerxéticas, desde estudos de análise de capacidade produtiva de enerxía ata económico-financeiros, para analizar a viabilidade financeira dos proxectos ou dos informes legais e xurídicos.

O proxecto contempla tamén a posta en marcha dunha rede de comunidades enerxéticas da provincia de Pontevedra  e o observatorio provincial de comunidades enerxéticas, que recollerá datos dos proxectos para elaborar un inventario que permita calcular o aforro enerxético xerado polas comunidades, así como a redución da dependencia enerxética do exterior e o descenso nas emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais, a través de +Renovables impartirase formación dirixida, inicialmente, ao persoal das entidades locais e das comunidades enerxéticas para que sexan capaces de xestionar e levar a bo porto os seus proxectos de produción e consumo de enerxía. Tamén contempla desenvolver actividades de formación en función das necesidades que vaian xurdindo entre as diferentes persoas implicadas na xestión destas comunidades.