A Pontevedra Provincia Film Commission “a velocidade de cruceiro”

A creación desta rede ao amparo da Spain Film Commission impulsará a promoción do audiovisual para situar estratexicamente á provincia como destino cinematográfico

07/03/2022

Encontro coa Spain Film Commission  

A Pontevedra Provincia Film Commission acende motores. A presidenta Carmela Silva pechou hoxe co presidente e a directora xeral da Spain Film Commission, Carlos Rosado e Teresa Azcona, as engrenaxes da que será a Film Commission da provincia da man da Deputación que se converterá na interlocutora da rede estatal que xestiona o Hub Audiovisual en España. De feito, Carlos Rosado confirmou neste encontro que a Spain  Film Commission que preside vén xa de recibir os 5 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación, e Resiliencia do Goberno de España para impulsar nos próximos tres anos proxectos que vertebrarán arredor da formación, captación de rodaxes, localizacións virtuais e creación dun vídeo promocional e dunha comunidade de talento audiovisual.

“Temos un compromiso real, cremos neste proxecto, estamos moi ilusionadas e imos a velocidade de cruceiro, queremos comezar xa a traballar en serio xa que esta é unha grande oportunidade para a nosa provincia, tanto para convertela nun plató de cinema como polo efecto multiplicador que ten o audiovisual na actividade económica” asegurou Carmela Silva, que confirmou que nesta rede provincial se implicarán as áreas de Turismo, Cultura e o SAIM (Servizo de Asistencia Intermunicipal).

A presidenta provincial, que ademais coñeceu da man de Carlos Rosado e Teresa Azcona que a provincia será unha das protagonistas do novo audiovisual de promoción da Spain Film Commission,  fixo fincapé na necesidade de adquirir coñecemento “canto antes”. De feito, a provincia de Pontevedra será unha das localizacións escollidas pola Spain Film para despregar o seu plan de formación e capacitación a nivel estatal. A formación estará dirixida ao sector público e privado local para atender correctamente as rodaxes, prestando servizo de apoio e asesoramento, así como tamén á xestión dos trámites e permisos e ao coñecemento das ferramentas que a rede estatal emprega.

Xunto á formación, tamén se realizará un stage nunha das entidades máis avanzadas da Spain Film Commission para “coñecer a actividade e as boas prácticas que están a levar a cabo, crear redes e poder implantar máis rápido e con máis garantías a nosa”. “O noso obxectivo –engadiu Carmela Silva- é facer as cousas non ben senón excelentemente ben, para que se sume cada vez máis xente á iniciativa”.  A presidenta tamén se amosou aberta a co-organizar na provincia un dos grandes eventos que a Spain Film Commission realizará nos vindeiros anos. Tamén acollerá fam-trips para a captación de rodaxes estranxeiras, congresos, cursos de formación globais e accións de captación locais.  “Queremos xerar capilaridade e conseguir que se sumen outras institucións e  deputacións galegas, xa que se alguén ten contacto co mundo local somos nós”.

Pola súa banda o presidente da Spain Film Commission fixo fincapé na posición estratéxica da provincia de Pontevedra. “Hai poucos territorios en España como este, cun sector moi recoñecible. Imos botar moita enerxía aquí”, destacou , ao tempo que remarcou o momento no que se une a Deputación á rede: “estamos cheos de proxectos”. Neste contexto, a directora xeral, Teresa Azcona, explicou que no marco dos cinco millóns de euros que a Spain Film Commission vén de recibir do Goberno de España estanse a liderar numerosas iniciativas entre as que se atopan a formación, a captación de rodaxes, a creación dun vídeo promocional no que aparecerán imaxes da provincia, as localizacións virtuais e a creación dunha comunidade de persoas relacionadas co talento audiovisual.  Iniciativas, todas elas, das que se beneficiará a provincia como integrante da rede.

A creación da Pontevedra Provincia Film Commission como servizo público gratuíto da Deputación ten por obxectivo principal promover a provincia como destino de rodaxes, proxectos audiovisuais e cinematográficos, así como incrementar o seu posicionamento de marca a nivel nacional e internacional. Entre as súas funcións destacan a asistencia e asesoramento na procura de localizacións; a colaboración e intermediación no desenvolvemento das rodaxes; a creación dunha estrutura local para facilitar o traballo; a orientación, información e apoio nas xestións e tramitacións de permisos/autorizacións; o soporte ao sector audiovisual local; o apoio promocional; a participación nas accións nacionais/internacionais da Spain Film Commission; e a promoción da cultura audiovisual para situar estratexicamente á provincia como destino cinematográfico.