A Deputación redrobra a súa aposta polo audiovisual co patrocinio de seis producións no marco de “Plató de cinema”

Son as longametraxes “O corno do centeo” e “A traxedia de Bou Eva” e as curtas “Morte e meu avó”, “Alicia fai cousas”, “Véxote” e “O son das abellas” que na maior parte se rodarán na provincia

18/11/2022

Xunta de Goberno

Co obxectivo de impulsar aínda máis o cinema producido na provincia e promocionar o territorio a través do sector audiovisual, a Deputación vén de dar luz verde aos novos patrocinios de producións enmarcados no programa “Pontevedra, plató de cinema”. Son en total seis os filmes, dúas longametraxes e catro curtas, que van contar co apoio da institución provincial no marco desta iniciativa que pretende, tal e como explicou a presidenta Carmela Silva, “apoiar a entidades privadas que realizan proxectos ou obras de animación en galego que contribúen a mellorar a visibilidade e a notoriedade da provincia”.

As dúas longametraxes que recibirán recursos da Deputación serán a produción “O corno do centeo” dirixida por Jaione Camborda con 15.000 € de patrocinio, e “A traxedia do Bou Eva” dirixida por Xaime Miranda con 12.000 €. No caso das curtas, beneficiaranse de entre 3.000 e 3.500 € do programa “Pontevedra, plató de cinema” as pezas “Morte e meu avó”, de Gon Caride; “Alicia fai cousas”, de Ángel Santos; “Véxote”, de Óscar Pardo; e “O son das abellas”, de Fon Cortizo. Catro das pezas audiovisuais patrocinadas (“A traxedia do Bou Eva”, “Morte e meu avó”, “Alicia fai cousas” e “Véxote”) rodaranse integramente na provincia  e as dúas restantes (“O corno do centeo” e “O son das abellas) contarán, na súa maior parte, con escenarios da xeografía provincial.

Nos anos 2020 e 2021 os patrocinios de “Pontevedra, plató de cinema” recaeron en “Nación”, de Margarida Ledo; “Negro Púrpura”, dirixida por Adriana Villanueva e Sabela Iglesias;  “9 Fugas”, de Fon Cortizo; “Devolvendo o Golpe”, de Carlos Prado; “Valentina”, de Chelo Loureiro; “Matria” de Álvaro Gago; “Cando toco un animal” de Ángel Filgueira; “Carraxe” de Muriel Pernas e “Sandwich Cat” de David Fidalgo.