A Coral Polifónica de Agolada “arranxa” letras de cancións populares da man da soprano Esperanza Mara nunha acción de “Violencia Zero”

A performance, promovida pola Deputación, eliminou contidos machistas das estrofas de coñecidas cancións por letras cargadas de reivindicación e sororidade

07/04/2022

As e os compoñentes da Coral Polifónica de Agolada alzaron as súas voces esta tarde contra as violencias machistas no Auditorio Municipal Manuel Costa Casares, situado neste concello da comarca do Deza. Fixérono da man da soprano Esperanza Mara a través dunha performance enmarcada no programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, na que cuestionaron as letras de cancións moi coñecidas e nas que de forma explícita se lanzan mensaxes machistas, cambiándoas por contidos de igualdade. A actuación levou por título “Arranxando letras” e entre as persoas que desfrutaron dela estiveron a deputada provincial, Victoria Alonso, e o alcalde de Agolada, Luis Calvo.

O auditorio mergullouse na historia de Icía, unha nena da parroquia de Esperante (Agolada) con gran paixón pola música que comeza a reflexionar sobre as letras das cancións que coñece. Tras cavilar nelas, decide mudar as estrofas substituíndo frases cheas de contidos machistas por outras cargadas de reivindicación e sororidade. Co paso dos anos Icía seguiu mudando letras de cancións que coñecía para non volver a posicionarse do lado do amor tóxico, romántico e utópico que estas promulgan e que nada ten que ver coa realidade. Así, fixo que letras como “Con esta si, con esta non. Con esta señorita cásome eu” se transformaran en “Valente si, sumisa non. Feliz, alegre e forte quérote eu!”.

Para levar a cabo esta performance Esperanza Mara e 15 membros da Coral Polifónica de Agolada realizaron dous obradoiros previos nos que reflexionaron sobre as letras de cancións infantís e populares nas que se pode ver de xeito moi claro a influencia do patriarcado. Para elo, o grupo conformado por mulleres e homes cunha media de idade de 70 anos posicionouse nun semicírculo co que abordaron o espazo vestidas e vestidos de negro, en sinal de loito por todas as mulleres que sofren cada día as distintas formas da violencia machista.

Tras as actuacións en Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño e Forcarei esta foi a sétima acción da sétima edición de “Violencia Zero” coa que a Deputación continuará a expandir a loita feminista noutros dezanove concellos da provincia baixo o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. Así, o programa continuará visibilizando o talento das mulleres neste 2022 con propostas musicais, de teatro, danza, poesía, performance e outras iniciativas artístico-culturais en Oia, Caldas, Moaña, A Lama, A Guarda, Fornelos, As Neves, Redondela, Salceda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

 

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 14 resultados.