A deputada Sandra Bastos inaugura a mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” no IES do Castro en Vigo

02/04/2024

Inauguración da  mostra itinerante Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar no IES do  Castro

A deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Sandra Bastos, participou hoxe na inauguración da mostra itinerante “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” no IES do Castro, en Vigo, que chega a este centro escolar despois de pasar por diferentes puntos da provincia nos últimos meses. Esta iniciativa, promovida pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo para darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño, poderá visitarse ata o día 18 de abril.

A responsable provincial de Igualdade destacou que a mostra permite, a través de vídeos e fotografías, “recuperar a memoria daquelas mulleres que dedicaron a súa vida aos oficios do mar no pasado, e darlles voz a aquelas que os desempeñan na actualidade”. Redeiras, mariscadoras, vendedoras de peixe, mulleres da salga e da conserva ou científicas coma a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou Aida Fernández, antiga directora do Instituto Español de Oceanografía. En definitiva, “mulleres que representan á perfección que non se entende a economía e a sustentabilidade do mar sen a súa participación”.