A mostra da Deputación “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” chega este xoves 23 de novembro ao colexio N. S. Esperanza de Vigo

A exposición, promovida pola institución provincial e a Universidade de Vigo, poderá visitarse ata o vindeiro 14 de decembro na biblioteca do centro escolar

22/11/2023

A mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” chega este xoves 23 de novembro ao colexio N. S. Esperanza de Vigo. Esta iniciativa, promovida pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo para darlle visibilidade ao papel da muller no ámbito mariño, poderá visitarse ata o día 14 de decembro na biblioteca do centro escolar.

A mostra afonda no papel destacado, e moitas veces invisibilizado, que as mulleres tiveron ao longo da historia na sustentabilidade do mar e no uso responsable dos recursos mariños. Desta maneira, recóllense oficios das mulleres do mar, desde 1914 ata a actualidade, comezando polos máis antigos, coma os de mariscadora ou redeira, ata as investigadoras mariñas, pasando por aquelas que traballaron na salga e na conserva. Para amosar os contidos empréganse vídeos e fotografías, así como imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre as e os futuros profesionais e científicos.

Ademais de inaugurarse a exposición, o xoves tamén terán lugar dous obradoiros, impartidos pola profesora Tamara Amorín da Universidade de Vigo, dirixidos ao alumnado de 5.º e 6.º de Educación Primaria do centro escolar. Consistirán nun percorrido guiado e interactivo polos paneis da exposición, que rematará coa realización dunha actividade de simulación 3D para observar a Terra desde o espazo e recadar información sobre os océanos, a importancia do mar para a sustentabilidade e a supervivencia do planeta no que habitamos.

A mostra chega ao N. S. Esperanza de Vigo despois de pasar por múltiples lugares da provincia coma A Guarda, Redondela, Vigo, Cangas, O Rosal, Cambados, Nigrán, Poio, Mondariz ou Pontevedra. Tamén foi exposta no campus de Ourense da Universidade de Vigo.