A pioneira do deporte galego Antonina Sanjurjo, protagonista este mes de xuño do proxecto da Deputación “Aquí faltan páxinas”

A sede provincial de Vigo acollerá este luns 19 o faladoiro de Cristina López Villar centrado nesta referente, “nai” do hóckey sobre herba feminino en Galicia

15/06/2023

Durante a Segunda República española, o hóckey feminino en Galicia adiantou ao masculino. Os equipos desta disciplina eran moi populares e contaban cunha importante afección e con directivas conformadas por mulleres. Entre elas, destacou a viguesa Antonina Sanjurjo (1910-1939), unha das referentes que aínda non figuran nos libros de historia, a pesar de ser pioneira do deporte galego, considerada “nai” do hóckey sobre herba en Galicia, e tamén profesional comprometida coa súa terra. Ela é a protagonista este mes do programa da Deputación “Aquí faltan páxinas”, a colección de relatos sonoros que nace da institución provincial e O Cable Inglés para narrar episodios fundamentais da historia protagonizados por mulleres galegas extraordinarias. Deste xeito, a sede provincial no Casco Vello de Vigo acollerá este vindeiro luns 19 (ás 19 horas) a conferencia sobre Sanjurjo impartida por Cristina López Villar, profesora da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física na Universidade da Coruña, e moderada por Marián Fernández, baixo o título “Deporte e galeguidade”.

Ademais do faladoiro do luns, a Deputación tamén publicou xa o episodio do podcast Aquí faltan páxinas’ (dispoñible nas principais plataformas de streaming de audio e no sitio web da institución provincial) e un roteiro virtual que inclúe puntos da provincia importantes na biografía de Antonina Sanjurjo, neste caso vinculados de xeito especial á cidade de Vigo, amais da de Pontevedra. O percorrido comeza nos estaleiros La Industriosa, que creara o seu avó, o recoñecido empresario Antonio Sanjurjo Badía, e sobre a que xirou a vida da familia, para continuar na Escola de Comercio de Vigo, onde a deportista estudou Peritaxe Mercantil. Marchou posteriormente a Madrid para matricularse na Facultade de Dereito e tamén na Escola de Altos Estudos Mercantís e na capital viviu na Residencia de Señoritas dirixida por María de Maeztu, onde entrou en contacto co hóckey.

Ao seu regreso, no 1932 creou o Atlántida Hóckey Club, equipo no que participaron xogadoras da cidade e arredores e no que estaban as súas irmás Carmela e Tere. Foi un dos mellores equipos de Galicia e Sanjurjo tamén exerceu como tesoureira e logo presidenta na xunta directiva da Federación de Hóckey de Galicia. Amais, defendeu nunha histórica conferencia a práctica deportiva por parte das mulleres. Ela e as súas compañeiras crearon toda unha rede  organizativa vinculada ao deporte, que as levou tamén a organizar eventos festivos e sociais que conectaban Galicia con outras partes de Galicia e o estranxeiro, ao tempo que abrían novos espazos de encontro para as mulleres. O roteiro virtual inclúe tamén o paso de Sanjurjo polo Partido Galeguista, ao que se afiliou no 1933 e do que foi bibliotecaria na agrupación de Vigo, e conclúe no cemiterio de Pereiró, onde foi enterrada tras falecer aos 29 anos de tuberculose, no ano 1939.

A relatora que falará sobre a súa traxectoria, Cristina López Villar, é doutora en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, e actualmente é vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte na Universidade da Coruña. Profesora na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da citada institución, imparte, entre outras, as materias de Teoría de Historia da Actividade Física e o Deporte, e de Mulleres e Deporte. Forma parte do equipo de investigación Educación, Saúde e Actividade Física Estudos de Xénero (ESAFEX) e da rede internacional de investigación en historia das mulleres e o deporte, coa que participa en diferentes proxectos. Entre outras publicacións, é autora do libro Pioneiras do deporte en Galicia.