O I Programa de Emprendemento de SmartPeme acolle o obradoiro de “Lego Serious Play” para crear ideas innovadoras a partir do xogo

Carmela Silva: “Pontevedra é unha provincia dinámica e emprendedora. É fundamental que as administracións tomemos conciencia de canta intelixencia hai na sociedade, con ideas polas que temos que apostar para que se convertan en negocio”

16/06/2022

I Programa de emprendemento  que a rede SmartPeme

 

O I Programa de emprendemento que a rede SmartPeme está a levar a cabo no viveiro de Barro busca impulsar e materializar as ideas de negocio da provincia a través de diferentes accións, nas que están a participar 12 empresas de 7 concellos. Entre as accións destacan os obradoiros formativos como o de “Lego Serious Play” -o terceiro dos 16 programados- no que as persoas participantes no programa crearon hoxe ideas innovadoras a partir do xogo. Xunto a elas e eles estiveron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, quen se interesaron por esta formación impartida por Carmen Costas e César Olcina.

Carmela Silva lembrou a súa participación en obradoiros “Lego Serious Play” anteriores, unha “actividade potente que servirá para crear redes a través do xogo”. Recalcou que “é fundamental que as administracións tomemos conciencia de canta intelixencia hai na sociedade, con tan boas ideas polas que temos que apostar para que se convertan en negocio, en empresas”, unha premisa que a Deputación promulga e que fai que Pontevedra sexa “unha provincia dinámica e emprendedora”. A presidenta dirixiuse de xeito especial ás e aos participantes no I Programa de emprendemento: “quero facervos un recoñecemento a cada unha das mulleres e homes que estades a impulsar actividade. Todas as propostas responden ás novas demandas da sociedade que hai que cubrir, son ideas potentes”. E  alentounas a seguir adiante cos seus proxectos xa que “nada é posible que se converta en realidade se non hai paixón, ilusión e convicción”.

O alcalde, Xosé Manuel Fernández, pronunciouse sobre a importancia do viveiro de empresas de Barro e asegurou que “todo o mérito é da Deputación” á que quixo “aplaudir e felicitar polo trato exquisito a este sector da economía que é fundamental”. “A aposta da Deputación por este viveiro de empresas e pola formación é un luxo”, asegurou ao referirse a que durante a pandemia a institución provincial “fixo que non se freara a actividade do viveiro, a oferta que se lle deu á xente para empregalo e para seguir tendo a formación e o apoio para poñer en marcha as súas ideas e negocios”.  Para o alcalde de Barro “o máis fermoso que poden facer as administracións é axudar a facer realidade todas as ilusións coas que estades a crear os vosos proxectos”, como xa fixeron moitas/os viveiristas anteriormente, e por iso “estamos moi orgullosos do polígono de Barro e deste viveiro”.

O taller de hoxe partiu do emprego de pezas Lego, que serviron ás persoas participantes para crear e construír ideas innovadoras coas que dar resposta a través do xogo aos problemas cos que se atopan no seu día a día como emprendedoras/es. A metodoloxía “Lego Serious Play” require que as persoas participantes aprendan e escoiten e dálles voz a todas elas. Deste xeito permite explorar as relacións e conexións entre as persoas e o seu mundo, observar a dinámica interna e externa, explorar varios escenarios hipotéticos e tomar conciencia de todas as posibilidades.

I Programa de Emprendemento do viveiro de Barro
O 1 de xuño púxose en marcha o I Programa de emprendemento do viveiro de Barro, que rematará a finais do mes que vén e no que están a participar 12 proxectos chegados de distintos recunchos da provincia. Son “La médico de tus finanzas” (Vilagarcía), que busca educar ás persoas mozas en finanzas e “GM Solutions SL” (Barro), que pon en contacto a pemes e familias con profesionais de distintos sectores. Tamén participan tres empresas de Pontevedra que son “Proxecto enerxía e eficiencia enerxética”, que dá información sobre como xerar enerxía e mellorar a eficiencia enerxética; “Tombo”, dedicada á fabricación de complementos artesanais; e “Tv Lux”, unha plataforma online de contidos de entretemento e crecemento persoal. Tamén participa un proxecto de Marín, chamado “Balcones de Loira” e orientado ás experiencias turísticas sostibles, e catro de Vigo: a “Escuela Medio Ambiental Fragas”, que busca diminuír a contaminación ambiental mediante a educación, “Glisacra”, de actividades turísticas, “Maxu Brava”, dedicada á produción de proxectos artísticos, educativos e divulgativos con denominación galega, e “Troulanda”, un proxecto web dedicado ao turismo. Ademais, tamén están a participar “Cbutts”, unha empresa de Tui que desenvolveu un dispositivo ecolóxico para acumular cabichas, e “Skeirrum”, un proxecto da Guarda que pretende fomentar un estilo de vida activo entre a mocidade.

Galerias de imagenes

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 18 resultados.