Oito proxectos liderados por mulleres tomaron forma no segundo Programa de Emprendemento no Viveiro de Empresas de Barro

As participantes, de Pontevedra, Salvaterra, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía, beneficiáronse ao longo de tres meses das sesións de formación e asesoramento por parte do equipo de SmartPeme para desenvolver as súas iniciativas

26/06/2023

Segundo Programa de Emprendemento no Viveiro de Empresas de Barro

Co acto de presentación final dos oito proxectos desenvolvidos vense de poñer o broche de ouro ao segundo Programa de Emprendemento de Smartpeme no Viveiro de Empresas de Barro. Esta iniciativa da Deputación tivo nesta segunda edición como protagonistas a oito mulleres emprendedoras da provincia, que ao longo de tres meses beneficiáronse de sesións de formación nas que o equipo de SmartPeme lles ofreceu as claves para mellorar a súa competitividade, manexar novas tecnoloxías, crear plans de empresa e de márketing ou unha identidade corporativa.

Os proxectos participantes foron promovidos por emprendedoras de Pontevedra (4), Vigo (1), Vilagarcía (1), Salvaterra (1) e Sanxenxo (1), e na súa maior parte promoveron iniciativas sociais, aínda que tamén gastronómicas e comerciais, ao abeiro da sostibilidade. En concreto, Sonia Limés (Pontevedra) liderou “Alecrín Atención Temprana”, un proxecto ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento dos e das menores, mentres que Beatriz Amorín (Pontevedra) traballou a marca “Kinamba”, unha iniciativa de ioga que ten como obxectivo que as persoas se centren nelas mesmas.

Por outra banda, Susana Rodríguez Ambrosio (Salvaterra) promove “Hiar”, unha marca de artesanía especializada na estampación botánica, mentres que Patricia Josefina Hernández Negrín (Pontevedra) ten en marcha “Prodi”, que  ten como obxectivo a venda e distribución das “sobremesas en tarro”. No caso de María Agustina Pereira Pérez (Vigo), está a desenvolver “SiSubvenciones”, un proxecto dedicado á axuda a pemes e  persoas autónomas, en materia de xestión de axudas e subvencións para impulsar os seus negocios.

Amais, Ángeles Oubiña (Vilagarcía) co seu negocio, Ulabrand, traballa no desenvolvemento dun produto de protección solar co obxectivo de que cause o menor impacto ambiental posible e apostando por unha excelente calidade, mentres que Eloísa Puig Sandoval (Pontevedra) promove “Musggo Yoga”, unha iniciativa dedicada á propagación del ioga en forma de clases, tanto a domicilio como nun centro. Así mesmo, “Somos Carmencitas”, de Aida Mascato Caneda (Sanxenxo), é un proxecto dedicado á produción de tartas e demais doces para empresas e particulares, amais de ofrecer un servizo de envío a domicilio e de organización de eventos.

O II Programa de Emprendemento enmárcase na liña específica de emprendemento dentro da carteira de servizos Smartpeme Impulsa creada no 2022 e contou cun itinerario de 60 horas de formación e asesoramento que abrangueu sesións de formación grupais e de asesoramento personalizado. As grupais foron sesións dinámicas e innovadoras que buscaban potenciar os proxectos, favorecendo ademais a colaboración e a creación de sinerxías coas outras persoas participantes. Nas sesións individuais, o equipo de SmartPeme axudou ás persoas participantes con temas vinculados á competitividade, o emprendemento, a identidade corporativa ou as TIC.

Tanto unhas como outras foron en parte presenciais e en parte virtuais, segundo as necesidades das participantes, pero dando prioridade ás presenciais no Centro Provincial de Economía Dixital de SmartPeme no Viveiro de Empresas de Barro. Deste xeito, estase a facilitar a colaboración para o fomento do emprendemento rural e favorecer a creación dunha economía social e sostible.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.